Santiago, 1 de xuño de 2022.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, asegurou hoxe no Parlamento galego que “os mecanismos de transparencia e de bo goberno en Galicia funcionan con total normalidade e plena operatividade”. “Podemos afirmar que os contrapesos que garanten a protección da cidadanía fronte a hipotéticas arbitrariedades do poder público e fronte ao uso indebido dos cartos ou do patrimonio público son en Galicia dos máis avanzados”, salientou.
Paula Prado lembrou que “foi un Goberno do PPdeG quen presentou na Xunta un ambicioso plan con medidas de impulso democrático, que foi obxecto de análise e debate neste Parlamento xa no ano 2015”. Neste sentido, subliñou que “este plan serviu para dotar á acción do Goberno galego da transparencia máxima, para conseguir un maior control externo do Goberno e para garantir unha maior participación cidadá na mellora do noso sistema de democracia representativa”.
MECANISMOS DE CONTROL AO GOBERNO GALEGO
Porén, criticou que “a transparencia é a gran materia pendente do PSOE, porque se hai unha administración que incumpre, dun xeito sistemático e recorrente, o dereito de acceso á información dos cidadáns e parlamentarios, e que se salta todo ese sistema de controis e contrapesos, é precisamente o goberno que preside o socialista Pedro Sánchez”.
A viceportavoz popular defendeu o correcto funcionamento dos mecanismos de control á acción do Goberno que se realizan no Parlamento galego e sinalou que “afirmar o contrario é facer un fraco favor ao recoñecemento e prestixio da Cámara galega, e supón dar folgos aos que non creen nas institucións democráticas e desde fóra buscan restarlles lexitimidade”.
Así, lembrou que o Parlamento galego é a Cámara lexislativa autonómica que rexistra maior actividade: case 1.270 horas durante o último período de sesións desta lexislatura, o que supón dúas horas e 29 minutos diarios. “O papel da oposición neste Parlamento é relevante e se traduce en que o 76 por cento das iniciativas obxecto de debate en pleno son da súa autoría”, apuntou Paula Prado.
Ademais, a viceportavoz popular salientou que o 66 por cento das iniciativas foron aprobadas por unanimidade e case a metade das proposicións non de lei son a iniciativa da oposición. Finalmente, sumando plenos e comisións, os membros do Goberno galego teñen comparecido unha media de dúas veces cada día nesta lexislatura.
Para rematar, e respecto ás solicitudes formuladas polos grupos da oposición ao Goberno galego acolléndose do artigo 9, durante a pasada lexislatura atendéronse 632 peticións de documentación, 15 máis que as que respondeu o Goberno bipartito ao longo do seu mandato.