A secretaria xeral dos populares galegos participou na clausura do Congreso local do PP de Ribadavia
A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, asegurou que o proxecto “estable, forte e útil” do PP fará que Ribadavia gañe a partir do 28 de maio de 2023, día das eleccións municipais, engadindo que só César Fernández pode ofrecer o goberno que precisan os seus veciños.
Deste modo se manifestou durante a clausura do Congreso local deste municipio ourensán, na que tamén participou o presidente provincial, Manuel Baltar. Alí, Prado puxo en valor o labor realizado polo reelixido presidente local, César Fernández, ao que definiu como un rexedor “excelente” que nunca deixou de traballar polos ribadavienses, malia ter experimentado as inxustizas da política.
Nese senso, sinalou que “aos populares non nos chega con gañar, temos que gañar con maioría absoluta”, e lembrou o acontecido hai algo más dun ano en Ribadavia, cando un pacto de perdedores foi en contra do que expresaron os veciños nas urnas: “Arrebatáronlle a Alcaldía a César Fernández polo único motivo de ser bo alcalde, por traballar polo progreso de Ribadavia e por non ter outro interese que o benestar dos seus veciños”.
Logo de subliñar que o PP é o único partido que pode ofrecer aos cidadáns “ilusión, unidade, fortaleza, traballo, esforzo e compromiso”, afirmou que Ribadavia agarda “con ganas” polo próximo 28 de maio de 2023 “para que esta vez si se cumpra a vontade dos seus veciños, para ter un goberno centrado en solucionar os problemas da xente e para contar cun alcalde que traballa diariamente para que o Concello volva a ter a posición de liderado que tivo na comarca como capital do Ribeiro”.