23 de agosto de 2023. A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado reivindica a designación de Alberto Núñez Feijóo como candidato á Presidencia do Goberno en calidade de “líder da forza política que gañou as eleccións o pasado 23 de xullo” e apunta como principal responsabilidade do candidato “garantir a estabilidade de España, a igualdade de todos os españois ante a Lei, a independencia das institucións públicas e o respecto a ultranza da Constitución española”.
Xusto o contrario, asegura, do que pode ofrecer “un Pedro Sánchez que necesita comprar o apoio dos independentistas ao prezo que estes lle marquen”.
Insistindo en que o pasado 23 de xullo Galicia “expresou con toda claridade as súas prioridades para o futuro de España”, a secretaria xeral do PPdeG explicou que “os galegos votaron pola moderación, a capacidade de xestión e un Goberno que asuma e faga seus os intereses da nosa terra”.
“Despois de cinco anos nos que o PSOE fixo todo o contrario, é o momento dun cambio de rumbo que só pode liderar Alberto Núñez Feijóo”, conclúe.