A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, celebra que a elección de Mariola Sampedro como nova alcaldesa de Ribeira permita aos populares galegos consolidarse non só como o partido con máis mulleres rexedoras –desde hoxe 31–, senón tamén como o partido que goberna xa en máis da metade dos concellos da Comunidade.
Congratúlase así mesmo da boa nova que, na súa opinión, supón para os veciños de Ribeira o feito de que o Partido Popular volva agora ao goberno nun concello onde gañou as eleccións pero non puido alcanzar a alcaldía por un pacto entre perdedores que instalou a ingobernabilidade neste concello.
“Algo máis de dous anos despois das eleccións municipais demostrouse que os pactos para que non goberne o PP non beneficiaron en nada. Os cidadáns merecen que os seus intereses volvan estar por encima dos intereses partidistas”, conclúe trasladando á nova rexedora e ao seu equipo os seus desexos de éxitos e acertos nesta nova etapa que comeza.