O Partido Popular de Galicia celebra que os veciños de Outes volvan ter, da man de Fran Calo, un alcalde responsable e centrado en atender as necesidades deste concello desde a responsabilidade e o sentidiño.
Así o manifestou hoxe a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, que arroupou ao novo rexedor e á familia do PP de Outes na 27ª edición da laconada organizada pola agrupación local do partido e na que todos eles brindaron polo inicio dunha nova etapa de éxitos e de maior benestar para os veciños.
Na xuntanza, con máis de 150 asistentes, tamén estiveron presentes o responsable de Cultura, Lingua e Xuventude no Goberno galego, José López Campos, e o secretario xeral provincial do PP da Coruña, Evaristo Ben.
Logo de ser o candidato máis votado nas pasadas eleccións municipais, con case un 46% de apoio, Fran Calo vén de ser investido alcalde como resultado dunha moción de censura na que o PP actuou desde a responsabilidade e co único obxectivo de impulsar Outes ante a inestabilidade dun goberno paralizado e derivado dun pacto de perdedores que en nada beneficiou á cidadanía.
Por último, Paula Prado agradeceu á agrupación local o traballo realizado para que, hai pouco máis dun ano, o presidente Alfonso Rueda recibira neste municipio máis de 2.000 votos e un 57,37 % de apoio para lograr a súa primeira maioría absoluta.