Santiago, 1 de febreiro de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, criticou hoxe “a actitude que está a ter o comité de folga do persoal de Xustiza ao centrar unicamente as súas demandas nunha suba salarial do 12 ao 16 por cento, totalmente inasumible para a Xunta, e facendo caso omiso das novas propostas postas enriba da mesa de negociación, como a ampliación do permiso de paternidade e maternidade, ou as melloras en materia de violencia de xénero”.
Paula Prado destacou “a vontade de negociación que está a demostrar o Goberno galego cos representantes sindicais” e lamentou que “a única resposta que está a obter é o peche nas dependencias da Xunta e o desprezo a importantes medidas en materia de conciliación ou violencia de xénero”.
MAIOR PERÍODO DE CONCILIACIÓN DE ESPAÑA
“A única explicación que se pode dar ao desinterese por estas novas propostas sobre conciliación e violencia de xénero é a alarmante escasa presenza de mulleres entre os membros do comité de folga, polo que demandamos un pouco de coherencia e aceptar unhas medidas que situarían aos funcionarios da Xustiza de Galicia coa posibilidade de gozar do maior período de conciliación familiar retribuída de toda España”, sinalou.
Deste xeito, Prado demandou dos sindicatos “un pouco de sensibilidade e de mesura nas súas demandas salariais, xa que a recuperación económica que con esforzo conseguimos entre todos en Galicia non é escusa para pedir incrementos retributivos moi por enriba do que a Xunta pode asumir”. “Creo que a suba salarial que oferta a Xunta é significativa e situaría aos funcionarios galegos ao mesmo nivel ou por enriba da media estatal, cun incremento dos ingresos de entre 660 a 900 euros ao ano”, puntualizou.