3 de febreiro de 2023. A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia afirmou hoxe en rolda de prensa que o PSdeG está sufrindo o Síndrome de Sánchez: “Un síndrome que se infiltra polos territorios e provoca que a marca PSOE sexa unha marca da que todos escapar, que ninguén queira asumir o liderado da delegación sanchista de Galicia e que tamén fai que as discrepancias internas sexan habituais no día a día”.
“O Síndrome de Sánchez xa leva tempo estendéndose por Galicia, pero aínda se fixo máis perigoso nos últimos meses, sumando crise tras crise”, engadiu Paula Prado para referirse ao expediente ao deputado autonómico Martín Seco, á acusación de transfuguismo da ex-concelleira de Deportes da Coruña, á dimisión por corrupción dun concelleiro en Santiago e á recente dimisión tamén dunha concelleira en Ferrol, entre outros casos.
Unha serie de sucesos que levaron á secretaria xeral dos populares galegos a definir á sede do PSdeG como La Casa de los Líos e a salientar que, mentres todo isto ocorre, “hai un Messi no banquillo, un líder que non quere selo e un ex-líder autonómico desexando volver”.
“Temos a un socialismo galego que é incapaz de facer valer os intereses dos galegos fronte ao seu líder e que sempre que toca elixir, pon a Sánchez por diante de Galicia”, remarcou, e lamentou que isto “non só afecta ao seu partido, senón a todos os galegos e galegas, que botan en falta unha oposición seria e comprometida”.
Acto seguido sinalou que “o sometemento e o servilismo absolutos” a Pedro Sánchez por parte dos socialistas galegos pódense ver cada día: “En cada agravio do Goberno central a Galicia, cando hai que poñerse de fronte, o PSdeG ponse ao seu carón”.
Citou como exemplo disto o feito de que esta formación “segue sen facer unha soa crítica á Lei do só si é si, móstrase en contra do traspaso das competencias de xestión do dominio público marítimo-terrestre e asume como normais os atrasos en infraestruturas e no ferrocarril”.
Paula Prado afirmou que “Pedro Sánchez se presenta nos 313 concellos galegos o próximo 28 de maio” e neste sentido lembrou que “cada voto ao PSOE é un voto que reforza a Pedro Sánchez na Moncloa”.
“Afortunadamente, os galegos e galegas teñen unha forma de ser inmunes a este síndrome, que é votando ao Partido Popular”, engadiu.
A secretaria xeral do PPdeG explicou que a súa formación supón “a única opción que achega estabilidade, solvencia e seriedade á política galega” e que por iso precisa “un apoio maioritario para trasladar a política seria do Goberno galego aos gobernos municipais”.