14 de abril de 2023. A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, afirmou hoxe que os candidatos e candidatas da súa formación ás eleccións do vindeiro 28 de maio son “os que máis se parecen a Galicia, aos seus concellos e aos seus veciños e veciñas” e que “recollen a experiencia e o coñecemento do pasado, os feitos que demostran cada día en presente e sobre todo as ganas e a ilusión por acadar un futuro mellor para os seus veciños”.
Nunha rolda de prensa na sede autonómica, a número dous dos populares galegos reivindicou que o PPdeG é “o único partido que pode ofrecer e ofrece un equipo e un proxecto en todos e cada un dos 313 concellos galegos”, fronte a outros partidos que “son incapaces de atopar a alguén disposto a dar a cara polas súas siglas ou que teñen que recorrer a pactos de perdedores”.
En referencia a estas candidaturas, detallou que “case a metade dos candidatos teñen xa experiencia como alcalde ou alcaldesa” e que, ao mesmo tempo, se renovan case 4 de cada 10 cabezas de lista.
“Galicia é unha terra que non se avergoña do seu pasado e que está disposta a asumir o cambio para conseguir o mellor futuro posible”, indicou acto seguido antes de salientar que o PPdeG ten candidatos con ata 47 anos de traxectoria e ao mesmo tempo a mozos con menos de 30 anos de idade dispostos a “dar un paso adiante, apostar pola política e presentarse por primeira vez á alcaldía dos seus concellos”.
Afondando neste aspecto, Paula Prado reivindicou que o PPdeG é un partido que combina experiencia e xuventude e no que a idade media dos seus candidatos é de 52 anos, “moi próxima á idade media da poboación galega”.
“Apostamos pola xente nova e polo futuro que están chamados a construír e, por iso, nestas eleccións temos máis candidatos con menos de 30 anos que nunca”, dixo ao facer unha contraposición cun socialismo que “compra aos mozos con promesas baleiras” e un nacionalismo que “non pode ofrecerlles máis futuro que unha utopía”.
A secretaria xeral puxo en valor tamén que “Galicia é unha terra de mulleres, que defende o feminismo real baseado na súa capacidade, na súa cualificación profesional e no que poden aportar á sociedade”. De aí que o PPdeG sexa o partido con máis mulleres alcaldesas en toda Galicia. “24 mulleres líderes”, tal e como as definiu.
“Fronte a outros partidos que presumen dun feminismo de pancarta, que precisan de cotas ou que aproban leis como a do só si é si que atentan contra os dereitos das mulleres; nós temos aínda máis candidatas que nas últimas eleccións de 2019 –un 22% máis– e aspiramos a incrementar aínda máis o número de alcaldesas do PP”, concluíu.