A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, demandou hoxe a Pedro Sánchez a convocatoria de eleccións xerais por “limpeza democrática” e porque “España non pode seguir sendo refén da delincuencia do Goberno central, da corrupción do PSOE e da complicidade hipócrita de socios como o BNG”.
“Pedro Sánchez non pode seguir mantendo secuestrada a gobernabilidade de España, nin continuar negándolle aos galegos e a todos os españois a posibilidade de expresarse con liberdade, nas urnas, sobre os feitos tan graves que estamos coñecendo”, explicou ao tempo que incidía no papel que xogan nestes momentos os socios de investidura.
Porque a número dous dos populares galegos está convencida de que “Sánchez vai resistir tanto como lle deixen resistir os seus socios” e de aí que pida coherencia a todos eses partidos, incluído o BNG: “Eles son os únicos que poden deixalo caer”.
Unhas afirmacións que fixo esta mañá en declaracións aos medios na sede do PP de Santiago de Compostela xunto ao seu presidente local, Borja Verea, con quen acudiu a participar no proceso de votación ao candidato a presidir o PP nacional.
“Hoxe facemos un xesto que deberiamos ter a oportunidade de facer canto antes nunhas eleccións xerais: collemos unha papeleta e votamos polo futuro de España”, manifestou amosando o seu apoio a Alberto Núñez Feijóo e facendo un chamamento a que toda a afiliación do PPdeG exerza o seu dereito a voto neste proceso.
O PESO DE GALICIA NO FUTURO DO PARTIDO POPULAR
En Galicia hai un total de 53 locais de votación habilitados para que os afiliados acudan a votar ao longo da xornada de hoxe: 23 na provincia da Coruña, 7 en Lugo, 12 en Ourense e 11 en Pontevedra. Todos eles abriron as súas portas esta mañá ás 9:00 horas –sen incidencias rexistradas– e continuarán abertos ata as 20:00 horas.
Tal e como recordou a secretaria xeral do PPdeG e vogal da Comisión Organizadora do Congreso Nacional do PP, Galicia ten un papel destacado neste proceso e así o acreditan as cifras de participación da afiliación galega ao longo deste proceso.
Non en balde, aos máis de 8.500 avais recollidos a favor de Alberto Núñez Feijóo hai que sumarlle os 316 compromisarios que ten asignados o PPdeG e, sobre todo, os 11.665 inscritos para participar no proceso de votación que se celebra hoxe en toda España e en toda Galicia. Esta última cifra, de feito, supón case un 23% do total de inscritos de toda España.