29 de marzo de 2023. A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, pediu hoxe a José Miñones que “exerza a súa galeguidade” no seu novo cargo de Ministro de Sanidade e “saque do caixón” a demanda de Galicia para poder formar máis médicos de familia e así paliar o déficit de profesionais que sofren tanto a Sanidade pública galega como o resto de comunidades autónomas.
Paula Prado considera “hipócrita” que o Goberno de Sánchez diga que “non hai médicos nas Comunidades onde goberna o PP por culpa do PP” cando nos servizos sanitarios que son da súa competencia –como é o caso dos centros penitenciarios– “ten un 60% das prazas de médicos vacantes e acude á sanidade privada ou a esa Sanidade pública galega que tanto denostan”.
“O Goberno de España non pode cubrir as prazas de médicos polo mesmo motivo polo que a Xunta e outros gobernos autonómicos: porque non hai médicos dispoñibles”, remarcou antes de reiterar novamente a demanda de poder formar máis médicos de familia “para cubrir esas vacantes que o propio Pedro Sánchez tampouco pode cubrir na sanidade estatal”.
A secretaria xeral do PPdeG considera “unha oportunidade de ouro” que o Goberno central conte cun novo ministro galego á hora de satisfacer esta demanda e dirixiuse directamente a José Miñones: “Agardamos que, agora que vai exercer de galego en Madrid, poña os intereses da nosa Comunidade por riba dos intereses do PSOE e defenda a Galicia tanto como defendeu a Pedro Sánchez no seu posto de delegado do Goberno”.
“Pedimos ao Goberno de Sánchez que abandone a súa hipocrisía, que deixe a Galicia formar máis médicos e que deixe de utilizar a Sanidade pública galega para cubrir a falta de facultativos que teñen os centros penitenciarios que son competencia exclusiva do Goberno de España”, concluíu.
O PPdeG LEVA AO PARLAMENTO A SITUACIÓN DA PRISIÓN DE TEIXEIRO
Unhas declaracións que Paula Prado manifestou esta mañá nas inmediacións do Centro Penitenciario de Teixeiro, onde o alcalde de Curtis denunciou a falta de cobertura das prazas vacantes nesta prisión: “Das nove prazas que hai de médicos, a día de hoxe só hai unha cuberta ou dúas nun bo día”.
Unha situación que cualificou de “excepcional” e que, tal e como explicou, supón que os reclusos teñan que ser atendidos no centro de saúde e no PAC de Teixeiro; provocando así a “sobrecarga” e a “merma” dos servizos sanitarios que o Sergas presta nestes centros.
De aí que solicite ao Ministerio de Interior que cubra de xeito definitivo estas prazas vacantes e preste os servizos sanitarios que competencialmente lle corresponden sen que se vexa resentida a atención que recibe a poboación dos concellos de Curtis, Vilasantar, Aranga e Sobrado.
Neste sentido, Paula Prado anunciou que o PPdeG vén de presentar pola vía de urxencia unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia para demandar ao Goberno de España que tome as medidas necesarias para garantir a asistencia sanitaria axeitada ás persoas reclusas nos centros da súa competencia e polos seus propios medios, evitando a sobrecarga do persoal do Sergas dos centros de saúde e dos PACs próximos ás prisións, tal e como ocorre no caso de Teixeiro.
Solicitan así mesmo que se amplíe en 1.000 prazas ao ano a formación de medicina familiar e comunitaria para garantir que haxa especialistas suficientes para cubrir as necesidades dos profesionais da Atención Primaria e da sanidade penitenciaria do conxunto do Sistema Nacional de Saúde.
“Esta iniciativa servirá para comprobar se o BNG e o PSOE están tan comprometidos con esa Sanidade pública que tanto din defender detrás dos seus slogans e pancartas”, asegurou Prado antes de pedirlle publicamente a ambas formacións que voten “a favor de medidas que pretenden paliar o déficit de facultativos que sofre Galicia” e “a favor de que Pedro Sánchez permita formar máis médicos de familia”.