A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, puxo hoxe en evidencia o “nerviosismo” que, na súa opinión, demostra a diario un BNG ao que acusou de pretender “lograr o que non conseguiron nas urnas a través das esaxeracións, as mobilizacións e buscando a conflitividade social”.
Nunha rolda de prensa que tivo lugar na sede autonómica do partido, a número dous dos populares galegos subliñou que ese “nerviosismo” nas filas independentistas é o que está detrás do seu cambio de estratexia logo da derrota electoral nas pasadas eleccións autonómicas: “Tal e como pediu a UPG, o BNG pasou a ser máis que nunca o do ‘non a todo’ e o da axitación na rúa”.
“Só propoñen manifestacións, alboroto, soberanía, independencia e máis do mesmo que non importa nada aos galegos e galegas ”, resumiu afondando nos postulados que defende a fracción maioritaria dentro do Bloque a través duns comunicados que “son unha especie de diario persoal de Ana Pontón no que se nos vai narrando a radicalización do independentismo galego”.
Fronte a isto e fronte ao “seguidismo cada vez máis obvio do PSOE”, os populares galegos “vai manterse firme e no camiño correcto”. Un camiño, que en palabras da súa secretaria xeral, “seguiremos percorrendo na procura do benestar dos galegos e galegas e convencidos de que coa Galicia do ‘si’ temos moito que gañar”.
UNHA OPOSICIÓN CARA A ATRÁS
Paula Prado aproveitou tamén a súa comparecencia ante os medios para recordar que este mes se cumpren tres anos desde que Alfonso Rueda chegou á presidencia da Xunta de Galicia e do PPdeG. Un tempo no que, na súa opinión, a “nova etapa de normalidade extraordinaria” que augurou o presidente no Congreso Autonómico no que foi elixido, en Pontevedra, é “dito e feito”.
“Galicia segue a ser un lugar de sosego, unha mostra de sentidiño e unha excepción de unidade, como tamén dixo entón. Algo que parece normal pero non o é, ao tempo que supón a constatación de que “Galicia goberna do mellor xeito posible”.
A número dous do PPdeG puxo en valor que ao longo destes tres anos non mudou a estabilidade da nosa Comunidade “a pesar de que a oposición intentou de todos os xeitos posibles facer tremer os piares dese benestar”. É máis, a continuación asegurou que “asistimos a unha oposición que camiñou cara atrás”
“Alfonso Rueda dixo no seu Congreso que había ‘un camiño a seguir’, pero o BNG e o PSOE tomárono na dirección contraria: uns avanzando na súa radicalización e outros converténdose no Partido Seguidista de Galicia”, concluíu.