27 de xaneiro de 2023. A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia considera que as palabras pronunciadas onte pola deputada nacionalista Montse Prado no Parlamento son “unhas descualificacións gravísimas e inaceptables para unha responsable política”, así como “unha falta de respecto non só á Sanidade Pública da nosa Comunidade, senón tamén aos galegos e galegas que se benefician dela”.
“Podemos ter visións diferentes sobre como formular a política en materia sanitaria, pero iso non pode xustificar de ningunha maneira insultos como chamar psicópatas aos responsables da Sanidade Pública galega nin unha deshumanización tal do adversario político”, sostén.
Paula Prado considera que esta expresión é “particularmente inxusta ao producirse nun debate sobre o déficit de especialistas en medicina de familia en todos os servizos públicos de saúde de España”, sinalando que algúns deles están “xestionados por partidos socios do BNG, con políticas máis achegadas ás que propón o BNG” e que sofren na mesma medida este problema de falta de médicos na atención primaria”.
De aí que a secretaria xeral dos populares galegos solicite “unha rectificación pública, así como o compromiso de que non se volverá a repetir unha descualificación semellante e, de non ser o caso, o cese de Montse Prado como voceira de Sanidade do BNG”.
“A Sanidade Pública construímola entre todos desde os acordos e non desde os insultos e, grazas a iso, gozamos nas últimas décadas dun sobresaínte Servizo Galego de Saúde que segue mellorando con máis fondos, mellores equipamentos e novos programas”, conclúe.
A número dous dos populares galegos remitiulle unha carta esta mañá á voceira do BNG, Ana Pontón, trasladándolle estas reclamacións.