A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou hoxe a nova Lei de Igualdade de Galicia como exemplo das “políticas serias e pensadas para poñer freo á discriminación que sofren as mulleres no seu día a día” que promove o Goberno de Alfonso Rueda fronte ao “postureo” e o “falso compromiso” da esquerda coas vítimas de violencia de xénero e o feminismo.
Así o manifestou esta mañá en declaracións aos medios antes da proxección do filme ‘Matria’ nos cines Cinesa do centro comercial As Cancelas de Santiago de Compostela, á que tamén acudiron a responsable do departamento de Igualdade do Goberno galego, Sandra Vázquez, e máis dun cento de representantes do PPdeG.
“Con este filme queremos visibilizar as múltiples formas de discriminación que sufrimos as mulleres día a día na sociedade, no noso entorno laboral e incluso dentro das nosas familias”, explicou a número dous dos populares galegos ao tempo que incidía en que a súa protagonista, Ramona, encarna “a fortaleza e a capacidade de resistencia das mulleres”. Unhas calidades que “son moito máis fortes do que nós mesmas cremos e do que a sociedade pensa”.
Na véspera do 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, Paula Prado asegurou que este é un “reto que a sociedade aínda ten por diante” e apostou por combatelo “os 365 días do ano”. Neste sentido, quixo trasladar o apoio do PPdeG ás familias e amizades das dúas vítimas mortais de violencia de xénero que houbo este ano en Galicia e facelo extensivo a “todas as mulleres que dalgún xeito ou outro sufriron algún tipo de violencia de xénero” na nosa Comunidade no que vai de ano.
“MEDIDAS CONCRETAS PARA COMBATER PROBLEMAS REAIS”
A secretaria xeral do PPdeG puxo en valor as políticas que promove o Goberno galego, co presidente Alfonso Rueda á fronte, e concretamente a nova Lei de Igualdade de Galicia aprobada esta semana no Parlamento a pesar de non contar co apoio dos grupos de esquerda.
“Trátase dunha lei que nos volve situar á vangarda da loita contra a discriminación das mulleres porque introduce medidas concretas para combater problemas reais do día a día”, asegurou poñendo como exemplo algunhas das actuacións incluídas na norma como a promoción de espazos urbanos libres de violencia sexual e acoso ou as medidas concretas para combater a discriminación múltiple que sofren as mulleres con discapacidade.
Poñendo o foco sobre as medidas concretas para combater a violencia dixital no ámbito das redes sociais e da intelixencia artificial, Paula Prado recordou que Galicia xa foi pioneira no seu día ao ser a primeira comunidade en recoñecer a violencia dixital como unha forma de violencia de xénero.
Unhas políticas que contrapuxo ás do Goberno de Pedro Sánchez, do que criticou que o seu feminismo e o seu compromiso coas vítimas de violencia de xénero “nunca pasan do tweet e da pancarta ao BOE en forma de lexislación seria”.
“Eses supostos avances do Goberno que presumía de ser o máis feminista da Historia vímolos na nefasta Lei do ‘só si é si’, que supuxo o maior retroceso na defensa dos dereitos das mulleres e que implicou a rebaixa de pena a máis de 1.200 agresores sexuais e a excarceración de máis de 120”, criticou.
E, referíndose directamente á anterior ministra de Igualdade, a número dous dos populares galegos non dubidou en afirmar que “a Irene Montero non a botaron nin Pedro Sánchez nin os seus amigos de 40 e 50 anos, botouna a dignidade de todas as mulleres e familias que sufriron ao ter que ver como os seus agresores sexuais saían antes de tempo do cárcere ou vían reducidas as súas condenas”.
“Nós apostamos por seguir traballando pola igualdade real con políticas serias e afastadas desa lexislación aprobada polo PSOE co voto imprescindible do BNG e que demostra que o seu compromiso coas vítimas é falso e simple postureo”, concluía incidindo na necesidade de poñer freo ás discriminacións que sofren as mulleres día a día.