27 de febreiro de 2023. A secretaria xeral do PPdeG referiuse hoxe na Xunta Directiva Provincial da Coruña ao “éxito” do acto de presentación dos 313 candidatos e candidatas ás eleccións municipais celebrado o sábado en Santiago: “Só a familia do PPdeG é capaz de xuntar a máis de 4.000 persoas nun acto e iso é porque temos 313 grandes candidatos e candidatas, 93 na provincia da Coruña, nos que confiamos plenamente”
“Rematamos febreiro cos deberes feitos e estou segura de que remataremos o mes de maio con matrícula de honra”, asegurou ante o feito de que o PPdeG é o único partido que presentou xa a todos os seus candidatos para os comicios do 28 de maio.
“Temos 313 candidatos conectados coa realidade e 313 equipos centrados en gobernar, non en permanecer a toda costa no poder”, engadiu.
Para Paula Prado é “fundamental” trasladar a cidadanía que o proxecto do Partido Popular é “unha garantía de unidade, estabilidade e responsabilidade” alá onde goberna e, ao mesmo tempo, “unha alternativa fronte aos pactos de perdedores”.
“Galicia sabe que pode confiar no Partido Popular, pero tamén sabe que a nós non nos chega con gañar: precisamos unha maioría suficiente e imos por ela”, engadiu a número dous dos populares galegos poñendo en valor os 36 concellos nos que xa goberna na provincia da Coruña e “o reto” que supoñen os outros 57.
Pola súa banda, o presidente provincial, Diego Calvo, marcouse como obxectivo “aumentar o apoio ao PP en todos e cada un dos concellos da provincia e recuperar a Deputación da Coruña”.