Santiago, 12 de abril de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe a “coherencia” amosada polo PPdeG na Comisión 5ª do Parlamento ao apoiar unha iniciativa do Grupo Socialista a través da que se solicita á Xunta a modificación da Lei do xogo de Galicia, “unha demanda que xa foi aprobada hai menos de dous meses a través dunha iniciativa do PPdeG, que naquela ocasión contou coa abstención dos socialistas”.
Paula Prado incidiu que “en política estamos para mellorar a vida da xente, para resolver os problemas da cidadanía e, cando coincidimos en algo, debemos e temos a obriga de chegar a acordos”. Deste xeito, xustificou o apoio do Grupo Popular á iniciativa socialista, “porque todas as medidas que propoñen pasan por aprobar unha nova Lei de Xogo, algo que este Parlamento xa demandou a instancias do PPdeG”.
Neste sentido, a viceportavoz popular explicou que “na actualidade xa está aberta a consulta previa para a modificación da Lei do xogo, como primeiro paso para recoller todas as propostas e suxestións dos distintos sectores afectados”. Ao mesmo tempo, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, estanse mantendo contactos e reunións previas cos distintos sectores para coñecer as súas demandas e intereses.
O novo texto legal pretende a regulación da publicidade no eido competencia da Comunidade galega coa intención de protexer aos menores e sensibilizar a mocidade, eliminando calquera posibilidade de uso de técnicas de incitación ao xogo en relación cos sectores da poboación máis vulnerables. Ademais, pretende regular a publicidade establecendo restricións a súa recepción por parte dos menores, proporcionando unha axeitada percepción do xogo como actividade complexa e de risco potencial para os consumidores, prever a xeración de condutas de xogo irreflexivo ou compulsivo e garantir que a información que se traslada é veraz e suficiente para formarse unha idea certa e non distorsionada do que implica o xogo.
Tamén se intensificarán os controis con respecto ao acceso de menores a recintos de xogo e a práctica de apostas.