A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou hoxe que Alfonso Rueda encabeza a “única opción para que Galicia non pare e siga sendo un referente de estabilidade, responsabilidade, tranquilidade e sentidiño” fronte a “un multipartito enfrontado en todo menos no seu apoio a Pedro Sánchez”.
A número dous dos populares galegos fixo estas declaracións esta mañá na sede autonómica do partido, na primeira reunión do Comité de Campaña coincidindo co día no que se convocaron oficialmente as eleccións autonómicas e a 54 días do 18 de febreiro. “Un paso máis no camiño á primeira maioría de Alfonso Rueda”, apuntou sobre esta xuntanza.
Este órgano será o encargado de “trazar as liñas estratéxicas para a vitoria do presidente Rueda” e volverá estar liderado por Paula Prado, que pediu a todos os seus compoñentes que deseñen unha campaña en positivo e dicíndolle a verdade á xente. Neste sentido asegurou que os galegos e galegas “merecen saber cal é o noso proxecto político e saber que votando ao PPdeG votan por ese proxecto e non por outra cousa”.
“Traballar pola xente, cumprir coa palabra dada e seguir ofrecendo á cidadanía unha normalidade que se converteu en excepción. Ese é o noso proxecto político e a nosa forma de facer as cousas”, explicou.
O Comité de Campaña do PPdeG conta con persoas que xa foron partícipes dos magníficos resultados electorais acadados polo partido nas eleccións municipais e xerais deste ano. Entre eles, o vicesecretario de Organización, Pedro Rojo.
Valentín García, pola súa banda, é o encargado de levar a cabo o traballo de coordinación dun programa electoral que ten por obxectivo “recompilar todas as medidas e propostas para a Galicia que non para”.
O Comité volve contar cunha coordinadora de Igualdade e incorpora á presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, para liderar todas as propostas e cuestións que teñan que ver coa mocidade.
Paula Prado anunciou tamén que se designaron coordinadores nas catro provincias e nas sete cidades, así como un coordinador de concellos rurais co obxectivo de “chegar a todos os galegos e galegas en todo o territorio e que así todos poidan coñecer o proxecto de Alfonso Rueda e do PPdeG”.