Santiago, 16 de marzo de 2021.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos cualificou de “escandaloso” que os deputados socialistas “se atrevan a esixir no Parlamento a sinatura inmediata do convenio para a remodelación da Avenida Mendiño de Redondela, cando tanto o Concello como o Ministerio de Transición Ecolóxica gobernados polo PSOE torpedearon esta actuación durante meses”.
Alberto Pazos lamentou que tanto os deputados socialistas como a alcaldesa de Redondela “prefiran empregar o seu tempo en tentar enganar aos veciños en lugar de dedicarse a solucionar os problemas reais que sofren”. “Pretenden tapar a inacción do Goberno municipal inventando falsas polémicas, mentres levan dous anos sen aprobar o orzamento local, paralizando o Plan Xeral, sen terreos para a escola infantil de Chapela ou con proxectos no caixón herdados do anterior Goberno do Partido Popular”, sinalou.
SECTARISMO DA ALCALDESA
Respecto da remodelación da Avenida de Mendiño en Redondela, o deputado popular criticou que “as administracións socialistas foron as que torpedearon durante meses esta actuación”. En concreto, explicou que o Concello retrasou durante oito meses a consignación orzamentaria necesaria para a tramitación do convenio, e o Ministerio de Transición Ecolóxica atrasou 15 meses a autorización do proxecto que discorre por terreos de dominio público marítimo terrestre, solicitada en novembro de 2019.
“O sectarismo da alcaldesa de Redondela lévaa a sinalar a palla no ollo popular, mentres se ignora a viga no socialista”, sinalou Alberto Pazos, quen indicou a nula actividade da rexedora municipal respecto da eliminación da peaxe na AP-9, as obras de compensación en Chapela e Trasmañó, a eliminación da Comisaría de Distrito ou as actuacións de seguridade comprometidas pola Deputación de Pontevedra.
Alberto Pazos tamén se referiu á demanda dos socialistas respecto da mellora da estrada PO-250, “cando a Xunta leva investidos nos últimos anos máis de 300.000 euros en melloras deste viario”. Así, dixo que se realizaron obras de ampliación da ponte de Xulián, a construción dunha ponte peonil e se está a reparar un muro, incluíndo o seu retranqueo.
“Estamos diante dunha permanente actitude agresiva e desleal do actual Goberno municipal fronte á Xunta de Galicia, cuxo último episodio foi o corte da Avenida de Mendiño para celebrar mercados ao aire libre, desobedecendo as instrucións da Consellería de Sanidade e poñendo en risco a saúde dos veciños de Redondela”, rematou.