Santiago, 10 de novembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe no Pleno que a aprobación do teito de gasto de Galicia para 2021 “contribúe a incrementar as certezas e traslada unha mensaxe de confianza á sociedade, que sabe que a Xunta non vai deixar a ninguén atrás”.
Así mesmo, apuntou que o teito de gasto “vai na liña das recomendacións dos expertos e das autoridades económicas galegas, españolas e europeas, ao tempo que está elaborado con todas as cautelas e nunhas previsións económicas máis realistas”.
Pedro Puy concretou que o teito de gasto para 2021 ascende a 11.654 millóns de euros, o que representa un incremento de 1.516 millóns de euros respecto do pasado ano. Neste sentido, lembrou que o galego é un dos poucos parlamentos autonómicos nos que se debate e se aproba o teito de gasto.
FINANCIAMENTO URXENTE DAS EMERXENCIAS
“Estamos nunha situación de degradación económica derivada dunha crise sanitaria sobrevida, o que demanda unha reposta de política económica baseada no financiamento urxente das emerxencias económicas a través de mecanismos como as transferencias directas”, sinalou o portavoz popular. Así, avanzou que no futuro “haberá que impulsar a transformación con sectores que permitan superar a crise e garantir unha maior prosperidade da economía galega”.
Puy explicou que o incremento do 15 por cento respecto do pasado ano “é posible porque Galicia ten un espazo fiscal que permite apurar os límites de endebedamento”. “A Comunidade galega ten a súa propia marxe porque a situación financeira é mellor e as contas están axustadas, o que nos permite avanzar mellor ante esta situación extraordinaria”, apuntou.
Así mesmo, Puy contrapuxo o teito de gasto “realista, prudente e oportuno” presentado polo Goberno galego fronte a un proxecto de orzamentos do Estado “que todos os informes económicos consideran infladas”.
Para rematar, Pedro Puy reiterou a “confianza no autogoberno e en Galicia para facer fronte a unha crise sen precedentes”. “Este teito de gasto e os orzamentos que virán permitirán poñer en marcha no ano 2021 as medidas excepcionais que nos permitirán superar esta situación extraordinaria”, dixo.