Santiago, 20 de marzo de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe que “non imos utilizar a Comisión de Investigación sobre as antigas caixas galegas como un instrumento de liorta política” e asegurou que “temos a conciencia absolutamente tranquila porque Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que traballou por manter unha entidade domiciliada no seu territorio, cun impacto importante non só no crédito, senón tamén nos postos de traballo”.
Pedro Puy manifestou que “coa inxente documentación que xa existe, á que non descartamos que se poida pedir algunha máis en función dos plans de traballo presentados polos grupos da oposición, debemos chegar a unhas conclusións o máis compartidas posible e fundamentadas en datos e evidencias”.
“O informe da ponencia ten que referirse a feitos e datos, e para iso hai suficiente información, como o demostra a relación de 200 folios que axuntamos ao plan de traballo rexistrado polo Grupo Popular”, apuntou.
COMPARECENCIAS REITERATIVAS
Respecto dos comparecentes na Comisión de Investigación, o portavoz popular indicou que as listas presentadas polos grupos da oposición “son basicamente reiterativas”. Deste xeito, lembrou que esta comisión “foi a que máis comparecentes tivo na pasada lexislatura”, polo que considerou que “non ten sentido que quen xa compareceu volva comparecer porque non nos gustou a resposta que deu”.
“O ditame final non vai ser unha lista de prexuízos ou presuncións non fundamentadas, senón que debe explicar o que pasou cando se poida e non incorporar o que non se poida xustificar”, dixo.
Por outra banda, Pedro Puy informou que o Grupo Popular rexistrou 16 propostas de resolución aos informes de fiscalización do Consello de Contas sobre o sector público en Galicia. Trátase de “diversos aspectos susceptibles de ser mellorados na xestión da Xunta, polo que propoñemos que o Goberno galego avance nestas cuestións”, engadiu.
En concreto, o Grupo Popular avoga por desenvolver unha estratexia de racionalización e mellora dos recintos feirais en Galicia, de modo que se impulse a súa xestión e coordinación, ademais de potenciar a súa función como ferramentas de dinamización da economía ao servizo das empresas e da cidadanía.
PAGO A PROVEDORES
Outras propostas inciden na necesidade de que a Xunta estude a modificación da normativa en materia de subvencións ás entidades locais para introducir nos criterios de puntuación a valoración de aquelas que cumpran o período medio de pago a provedores no último exercicio orzamentario, avaliando a posibilidade de incorporar nos próximos anos penalizacións as que incumpran.
Por último, entre as propostas do Grupo Popular tamén destaca o reforzo dos medios persoais e materiais dedicados a desenvolver o control financeiro permanente e continuo sobre o Sistema Público de Saúde de Galicia para mellorar o seguimento da súa actividade económica. O obxectivo é propoñer medidas de mellora que permitan optimizar a toma de decisións dos xestores que contribúan á sostenibilidade do sistema sanitario público.