21 de novembro de 2022. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou esta mañá no Pleno do Parlamento galego “a nosa plena disposición a escoitar e aceptar as emendas aos orzamentos da Xunta para 2023 que incidan no obxectivo común de apoiar ás familias que máis o precisan, ás empresas, a impulsar o crecemento, a garantir do Estado do Benestar, á transformación da nosa economía e a seguir converxendo con España e Europa”.
No debate das emendas á totalidade do BNG e PSdeG aos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, Pedro Puy amosou “a convicción nas bondades” destas contas públicas e lamentou que o debate parlamentario “se limite a unha sucesión de monólogos por parte da oposición, que repite unha e outra vez mantras alleos á realidade social e política de Galicia”.
INFLACIÓN
“Cualifican os orzamentos de insolventes e poñen énfase no problema da inflación, pero esquecen que a loita contra a suba de prezos lévase a cabo a través da política monetaria europea e en ningún manual de facenda dise que a manifestación na rúa é a mellor forma de combater a inflación”, apuntou.
O portavoz popular cualificou de “rigorosos” os orzamentos da Xunta para 2023, “tanto polo ámbito da política económica como polos informes que os avalían” e criticou, principalmente ao BNG, por opoñerse a unhas contas galegas validadas pola AIReF e non amosar esta contundente oposición ás contas do Estado, que están a ser postas en cuestión tanto pola AIReF como polo Banco de España, a Comisión Europea e outros organismos nacionais.
Pedro Puy indicou que “aceptar as emendas á totalidade dos grupos da oposición tería como resultado a incerteza de non contar con orzamentos, o que suporía prorrogar os existentes e un recorte de 1.000 millóns de euros que prexudicaría directamente ás familias e ás empresas galegas”.