Santiago, 17 de setembro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, demandou hoxe que “todas as forzas políticas do Parlamento galego deberían comprometerse a rematar o ditame da Comisión non permanente de igualdade entre os homes e as mulleres, co obxectivo de adaptar a normativa existente ás necesidades e a realidade social actual, incluída a violencia de xénero. Neste sentido, avanzou a “predisposición do Grupo Popular para pactar medidas útiles que preveñan a violencia de xénero e contribúan a que as circunstancias das vítimas sexan o menos desfavorables posibles”.
Pedro Puy volveu condenar o crime machista que tivo lugar onte en Valga e sinalou que “estamos todos arrepiados ao coñecer como aconteceron estes feitos”.
ATENCIÓN AOS FILLOS
Na súa intervención, lembrou que “Galicia foi capaz de chegar a un acordo por unanimidade sobre que propostas trasladar ás Cortes Xerais para o Pacto Nacional contra a violencia de xénero” e salientou que entre as cuestións remitidas figura que os fillos son vítimas da violencia, o que foi incorporado xa a lei contra a violencia de xénero xa no 2015. Ademais, afirmou que “Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en establecer protocolo de atención aos fillos, que terán asistencia de todo tipo”.
“O que cómpre agora é seguir afondando nestas cuestións, porque se foi posible un pacto a nivel estatal tamén será posible que se leve adiante o pacto galego contra a violencia de xénero”, indicou. Deste xeito, demandou o compromiso de todas as forzas políticas do Parlamento galego para elaborar o ditame da Comisión non permanente de igualdade, de xeito que se concreten as medidas necesarias para a atención a todas as vítimas da violencia de xénero.