Santiago, 27 de decembro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que a Axenda Galicia coas medidas prioritarias da Comunidade galega ao próximo Goberno de España “capitalizou as iniciativas do PPdeG no último período de sesións e será o eixo que centrará as demandas para os vindeiros meses”.
“Imos seguir defendendo a Galicia con paixón, pero sempre coa razón, argumentos, datos e informes para demostrar que somos a alternativa reformista, centrada, galeguista, realista e alonxada de toda forma de populismo, facendo política coa verdade”, afirmou Puy. Ademais, salientou que o Parlamento galego leva celebradas 1.032 xuntanzas de órganos, comisións ou plenos nesta lexislatura, cunha duración aproximada de 3.000 horas.
Na presentación do balance sobre a actividade do Parlamento galego ao longo desta lexislatura e no último período de sesións, Pedro Puy explicou que “levamos aprobados 20 proxectos de lei, tres proposicións de lei dos grupos da oposición e unha proposición de lei de iniciativa lexislativa popular”. En concreto, no último período de sesións aprobáronse as leis de orzamentos da Comunidade galega para 2020; de medidas fiscais e administrativas; de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario; e de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.
ACTIVIDADE EN PLENO
Respecto da actividade en Pleno, o portavoz popular indicou que se teñen realizado 1.633 iniciativas, das que 984 foron de control (60 por cento) ao Goberno galego e 649 de impulso (40 por cento). A media é de 19,4 puntos na orde do día de cada sesión plenaria, con máis do 80 por cento das iniciativas dos grupos da oposición, 11,7 intervencións de membros do Goberno e 7,7 iniciativas de impulso.
Ao longo desta lexislatura, aprobáronse 214 proposicións non de lei, das que o 45 por cento eran a iniciativa da oposición. Ademais, case o 42 por cento saíron adiante por unanimidade de todos os grupos parlamentarios.
Porén, en comisión, aprobáronse 471 proposicións non de lei, das que máis do 60 por cento eran da oposición e o 66 por cento foron por unanimidade. Así mesmo, rexistrouse unha media de 2,5 comparecencias de membros do Goberno galego en cada comisión.
Pedro Puy subliñou que, “sumando plenos e comisións, os membros do Goberno galego teñen comparecido unha media de 2,3 veces cada día ao longo da presente lexislatura”.
INESTABILIDADE POLÍTICA ESTATAL
O portavoz popular fixo tamén referencia á situación política actual e contrapuxo “a inestabilidade que vivimos a nivel nacional cun goberno en funcións e a estabilidade de Galicia cun goberno e un parlamento que están a traballar con normalidade”. Neste sentido, apuntou que “en España hai unha clara fragmentación do voto, mentres en Galicia hai unha fragmentación da oposición, con cambios no último período de sesións tanto nos seus grupos parlamentarios e nos seus voceiros”.
“Esta incerteza a nivel do Estado levou ao Goberno galego a aprobar unha Axenda Galega con demandas prioritarias ao próximo Goberno de España, que desde o Grupo Popular estamos a apoiar”, sinalou Puy. Neste sentido, dixo que “estas cuestións foron as que capitalizaron as iniciativas do Grupo Popular no último período de sesións e o seguirán facendo nos vindeiros meses”, centrándose no ámbito de financiamento, para que o Goberno do Estado abone a débeda que ten pendente con Galicia: os 200 millóns da mensualidade do IVE de 2017 e os 170 millóns das compensacións por ser unha comunidade cumpridora en materia fiscal nos anos 2017 e 2018.
Esta Axenda Galega tamén inclúe demandas ao Goberno central para facer fronte ao reto demográfico; na defensa dos intereses ante o Brexit; o impulso a infraestruturas pendentes, como a chegada do AVE a Galicia, o Corredor Atlántico de mercadorías, a transferencia da AP-9, o remate da autovía Santiago-Lugo, entre outras; o estatuto para as empresas electrointensivas; unha transición enerxética xusta, cunha alternativa real ante o peche da central térmica de As Pontes; a reversión do regulamento da Lei de Costas, que afecta a 5.000 edificacións, 100 empresas vinculadas á cadea mar-industria e 2.500 quilómetros de costa galega; ou novos contratos para Navantia que cubran o baleiro de actividade neste estaleiro ata o inicio da construción das fragatas F-110.
AUTOGOBERNO E LOITA CONTRA A CORRUPCIÓN
No ámbito do autogoberno, Pedro Puy manifestou que “continuaremos reivindicando a transferencia da AP-9 e de todas aquelas competencias para Galicia sempre e cando sexan racionais, reivindicaremos que se pague á Comunidade galega o que se lle debe, que se cubran as prazas da Policía Autonómica ou dos xulgados galegos; así como compromiso e apoio para o Xacobeo 2021”.
Por último, Puy indicou que “neste período de sesións, mentres no conxunto de España seguimos vendo algunhas cuestións en relación coa corrupción, en Galicia a noticia que houbo neste ámbito e que xa está en marcha a prevención da corrupción por parte do Consello de Contas, coa colaboración da Xunta”. “Fomos únicos en toda España ao atribuír a unha institución consolidada a competencia para previr a corrupción, colaborando coa Xunta para implementar os programas necesarios”, destacou.