Santiago, 27 de agosto de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe que “afrontamos o debate de investidura da vindeira semana con espírito construtivo” e con ánimo de “traballar arreo con responsabilidade tendo en conta que estamos a padecer unha situación moi complexa como consecuencia do coronavirus”.
Ao remate da Xunta de Portavoces, Pedro Puy informou da fixación do Pleno para o debate de investidura do Presidente da Xunta para os días 1 e 3 de setembro, así como a celebración da sesión solemne de inicio da lexislatura para o vindeiro 8 de setembro.
MOITA INCERTEZA
“Afrontamos este debate de investidura co mesmo discurso, intencións e propostas que foron recentemente avaliadas por unha importante maioría da cidadanía galega”, manifestou o portavoz popular, quen lamentou que “estamos a traballar con moita incerteza sobre os recursos que imos dispoñer tanto a nivel económico, educativo, social ou sanitario” como consecuencia da inacción do Goberno central.
Neste sentido, indicou que “queremos colaborar con todas as administracións, porque todo o que sexa colaboración, cooperación e compartir propostas é positivo”. Así mesmo, apuntou que o debate de investidura tamén servirá para “presentar as nosas propostas”, dirixidas a que “Galicia continúe evolucionando mellor que outras comunidades autónomas”.
ANALIZAR A SITUACIÓN DAS RESIDENCIAS
Cuestionado sobre a situación das residencias de maiores e a posibilidade de crear unha comisión de investigación sobre o seu estado, Pedro Puy dixo que “haberá que falalo unha vez pase a sesión de investidura”, pero insistiu en que “coincidimos na necesidade de axustar a normativa” que rexe as residencias para que poidan superar os problemas xurdidos pola Covid-19. Porén, destacou que “a súa situación hoxe é mellor que a que había cando se iniciou a pandemia, con protocolos de actuación ou cursos de preparación para os profesionais”. “O risco cero non existe, como o demostra a preocupante situación que se vive en O Incio, pero están mellor protexidas”, sinalou.
Para rematar, manifestou que “mantemos o compromiso electoral de analizar a fondo a situación das residencias de maiores en Galicia durante a pandemia sanitaria, co obxectivo de que no futuro estean mellor preparadas para afrontar situacións deste tipo”.