Santiago, 3 de agosto de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avogou hoxe no debate de aprobación do teito de gasto da Xunta para 2023 no Parlamento galego por “un equilibrio entre non incrementar o gasto para conter a inflación e non conter o gasto para evitar recesión”. Así mesmo, amosou a disposición ao diálogo tanto na tramitación dos orzamentos como na aprobación do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030.
Pedro Puy iniciou a súa intervención felicitando ao Goberno galego polo traballo realizado “con rigor e análise” para a elaboración deste teito de gasto, “nun escenario macroeconómico chego de incertezas logo dunha crise financeira, á que seguiu o parón da Covid-19 e que afrontamos agora coa guerra de Ucraína, que trouxo unha nova crise humanitaria e política, pero que tamén ten unha parte importante económica”.
TRES FACTORES PARA O INCREMENTO
Neste sentido, Puy lamentou que “estamos nun contexto socioeconómico no que España é o único país dos case 40 que integran a OCDE que non vai acadar os niveis económicos de prepandemia en 2024”.
O portavoz popular explicou que “temos un teito de gasto a nivel da Administración Xeral do Estado que medra polo incremento da inflación, a creación de novos tributos e porque hai un maior nivel de endebedamento autorizado”. Diante desta situación, afirmou que o Goberno central “ten moito que facer, porque o investimento vai depender dos fondos europeos”, amosando a preocupación tanto pola exclusión de Stellantis e da industria do mar das axudas europeas.
Respecto do reparto do déficit entre as administracións, Pedro Puy criticou o reparto asimétrico realizado entre o Goberno do Estado, que se reserva o 3,9 por cento; fronte ás comunidades autónomas, á que deixa o 0,3 por cento. “En definitiva, un 82 por cento da débeda se reserva para o Estado, fronte a pouco máis do 7 por cento para as comunidades autónomas”, concretou.
Para rematar, salientou que “a Xunta está a ser prudente cun teito de gasto que implica un incremento de 958 millóns de euros respecto a 2022” e cualificou de “frustrante” a valoración realizada pola oposición, “que levan meses pedindo 700 millóns para un plan de choque ou 200 millóns para a atención primaria sanitaria, sen concretar de onde sacarán estes cartos, pero agora se opoñen a unha suba do gasto en 958 millóns”.