27 de marzo de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, criticou hoxe a posición que están a manter tanto o BNG como o PSdeG a favor do novo imposto ás grandes fortunas do Goberno central, cando “o certo é que se está adoptando unha decisión que vai claramente en menoscabo das competencias tributarias autonómicas sobre os tributos cedidos, que se alonxa do que é a defensa da autonomía e da proposta dos expertos sobre a reforma fiscal”.
Respecto do nomeamento do actual delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, como ministro de Sanidade e tras felicitalo, Puy amosouse “seguro de que se defende a sanidade pública coa mesma intensidade e interese co que defendeu ao Goberno de España, será un excelente ministro”.
Pedro Puy, que esta fin de semana asistiu á presentación do Programa-Marco do Partido Popular para as eleccións autonómicas e locais do vindeiro mes de maio, dixo que este é un documento que establece os grandes principios que cada candidato en cada comunidade ou concello adaptará ás necesidades do seu territorio. Neste sentido, agradeceu “a confianza depositada na miña persoa polo Presidente do PPdeG, Alfonso Rueda para coordinar as propostas de Galicia a este programa; o traballo das comisións do partido e das persoas que nos fixeron chegar propostas; e aos coordinadores do programa, Íñigo de la Serna e Carmen Fúnez, que incorporaron numerosas propostas feitas Galicia”.
COÑECEMENTO DAS NECESIDADES
Así, salientou que a pegada de Galicia no Programa-Marco “ten que ver coa experiencia do Presidente Feijóo á fronte desta comunidade autónoma, coñecendo as necesidades no ámbito institucional e de reforma do financiamento das comunidades autónomas e dos concellos”. Máis en concreto, Puy dixo que “hai pegada na parte de apoio ás familias, en temas como a sanidade, a educación ou a atención social; nas propostas que se incorporan sobre a boa xestión dos recursos públicos; o financiamento autonómico e a política fiscal en xeral, especialmente a dirixida a aquelas persoas que máis perden o seu poder adquisitivo; as políticas de igualdade ou de integración das persoas con discapacidade; ou os obxectivos compartidos de futuro que pasan pola recuperación demográfica, a transformación enerxética, a mellora da mobilidade e, finalmente, pola conservación do medio ambiente”.
O portavoz popular incidiu que o programa “pon énfase na autonomía recoñecida pola Constitución, como un pacto que nos alonxa tanto do centralismo como do independentismo, e na suficiencia financeira das comunidades e a necesidade de reformar o financiamento autonómico”. Neste marco, reiterou que desde o PPdeG “defendemos as competencias autonómicas e por iso nos chama a atención o debate que se está a dar en Galicia en relación co imposto estatal ás grandes fortunas”.
Neste ámbito, Pedro Puy lembrou que na actualidade o imposto de patrimonio “tende a desaparecer porque o que provoca é a mobilidade entre distritos e a marcha de contribuíntes e empresas” dos lugares con maior gravame. Así, recordou que “hai países que son moi competitivos na atracción de persoas que teñen patrimonios altos, como é o caso de Portugal, o que explica os motivos para proceder a unha rebaixa do imposto de patrimonio”. “En todo caso, sobre como exercer as competencias tributarias, é unha cuestión sobre a que se poden facer outras propostas e xa sabemos que BNG e PSdeG queren subir os impostos”, engadiu.
CONTRARIOS AO AUTOGOBERNO
“O que non é discutible é que o imposto do patrimonio é autonómico, e se trata dun dos escasos tributos nos que Galicia ten competencias normativas”, manifestou, ante o que alertou que o Goberno de Pedro Sánchez pretende co imposto ás grandes fortuna “quitarlle competencias á Comunidade galega para establecer cal debe ser a tributación a realizar”. Desta forma, “o Estado obtén recursos que corresponderían á comunidade autónoma, o que representa unha operación claramente en contra das competencias autonómicas”, apuntou.
Dentro deste estrito ámbito das competencias, Pedro Puy criticou que o PSOE “estea a facer seguidismo do Goberno central, pero resulta sorprendente que o BNG non teña dito nada sobre o claro menoscabo das competencias fiscais autonómicas que vai sufrir a Comunidade galega coa introdución do novo imposto ás grandes fortunas”. “É unha política claramente contraria ao autogoberno e da forma en que se exerce a autonomía fiscal por parte das comunidades autónomas, moi pouco respectuoso coas competencias autonómicas”, subliñou.
IMPULSO DE MEDIDAS SANITARIAS
O portavoz popular tamén aproveitou a súa comparecencia desta mañá felicitar aos novos ministros do Goberno de España, especialmente ao que durante os últimos anos foi o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, que será o novo ministro de Sanidade. “Confiamos que o seu coñecemento das necesidades e demandas das comunidades autónomas que xestionan a sanidade lle facilite impulsar as medidas necesarias, particularmente na atención primaria, para recuperar o servizo e a actividade que a sociedade demanda”, sinalou.
“Desde Galicia intentaremos axudar todo o que poidamos e estou seguro que se defende a sanidade pública coa mesma intensidade e interese co que defendeu ao Goberno de España, será un excelente ministro de Sanidade”, sinalou.
Por último, respecto do novo ministro de Industria, Puy lamentou que “España siga sendo un país que vai rezagado na creación de riqueza despois da pandemia e que aínda non recuperou os valores de PIB previos á crise sanitaria”, polo que considerou “importante que se impulse a economía produtiva e se apliquen ben os fondos de transformación e resiliencia”. Neste sentido, dixo que o Goberno de España segue sen comprometer o 80 por cento dos PERTE anunciados, é dicir, 34.000 millóns de euros, ante o que criticou que proxectos como o de Altri en Palas de Rei ou Stellantis en Vigo non dispoñan aínda de fondos europeos.