Santiago, 17 de decembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou hoxe de “frutífero” o debate xeral dos orzamentos da Xunta para 2018, que o vindeiro martes serán debatidos para a súa aprobación definitiva polo Pleno do Parlamento. Nunha entrevista na Cadena SER, Puy indicou que no Partido Popular “estamos abertos a reformas da Constitución” sempre “que haxa consenso”, porque “a idea é que sexa un marco que todos aceptemos como regras de xogo”.
Pedro Puy considerou “difícil chegar a acordos sobre os orzamentos da Xunta pola propia estrutura do debate, porque cando se poñen cartos nun gasto adicional hai que sacalos doutros, e moitas veces non está moi xustificado”. Neste sentido, salientou as transaccións acordadas polo Grupo Popular co Grupo Socialista respecto das Contas para 2018, dirixidas a facer ampliables os créditos das bolsas de estudantes e as axudas aos damnificados polos incendios forestais deste ano no caso de ser necesario.
“Pero sobre todo houbo acordos na Lei de medidas que acompañan os orzamentos, incorporando iniciativas importantes en relación coa capacidade dos alcaldes para prever incendios no que a limpeza das fincas abandonadas ou no caso de propietarios descoñecidos”, destacou.
Cuestionado sobre a posible reforma da Constitución Española, o portavoz popular afirmou que “vai ser complexo si é para resolver un problema como o do independentismo”. Neste sentido, explicou que “o éxito da nosa Constitución do 78 foi o consenso coa que se alumeou”, polo que sinalou que “calquera cambio por consenso será benvido”, pero “consensuar unha constitución con quen quere rachar con ela é moi complexo”.
Puy indicou que existe un consenso “para introducir na Constitución elementos máis federalizantes e simplificadores das relacións entre as comunidades autónomas e o Estado”, pero lembrou que estas ideas “xa se plantexaron no pasado, pero sempre chocaron contra a realidade dos nacionalistas que queren un trato diferencial e, máis recentemente, a independencia”. Deste xeito, dixo que “boto en falta unha posición dos nacionalistas cataláns semellante á do 78, cando participaron moi activamente e foron a esa negociación con carácter posibilista e de chegar a acordos de convivencia”.
Respecto da posición de Galicia neste debate, Pedro Puy asegurou que “está defendendo o Estado autonómico, posicionándonos claramente a favor da aplicación do 155 e en contra dalgo que sería moi malo para Galicia como a independencia de Cataluña”.
SUBA DE PEAXES COÑECIDA
A preguntas sobre a suba das peaxes da autoestrada AP-9, o portavoz popular lembrou que “se sabía que unha vez rematada a obra de ampliación da Ponte de Rande se ía pagar a través de peaxes”. No momento que se asinaron os convenios, “todo o mundo celebrou a ampliación da autopista, polo que agora toca cumprir a parte que naquel momento se fixo público e ninguén cuestionou”, manifestou.
Neste sentido, Pedro Puy subliñou que “o actual Goberno galego foi o único que conseguiu que os galegos aforraran cartos en relación coas peaxes”, aforrando 400 millóns de euros logo de que o Goberno central asumira todo o custo da liberación das peaxes en Rande e A Barcala, “que a Comunidade galega estaba a pagar, logo de negociacións realizadas por outros gobernos non do Partido Popular”
“Nós seguimos traballando nunha negociación complicada, como consecuencia da cuestión territorial, polo traspaso desa autoestrada e confiamos que cunha xestión máis próxima autonómica se poidan ir contendo unhas peaxes que están xuridicamente xustificadas”, sinalou.
PPDEG, PARTIDO EXEMPLAR
Pedro Puy tamén destacou que o “PPdeG, a diferenza dos outros partidos que teñen difíciles procesos de elección de liderados e, nalgúns casos, nin sabemos quen é o líder deses partidos, está sendo un partido exemplar e é importante que sexa tan responsable nun momento de crise como o actual”. Así, asegurou que o PPdeG “ten un liderado que ninguén o cuestiona e estamos todos a axudar cumprindo a nosa función”.
“Na cabeza de todos está axudar a que esta lexislatura sexa a da consolidación definitiva do crecemento económico e unha mellora do emprego, polo que non andamos con carreiras de sucesións”, afirmou o portavoz popular, quen incidiu que “estamos todos traballando detrás do Presidente Feijóo co máximo interese para mellorar as cousas, que xa estamos a conseguir en liñas xerais pero que aínda queda moito traballo por facer”.