Santiago, 5 de setembro de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, criticou hoxe as “declaracións excesivas e alarmantes” de BNG e PSdeG respecto do inicio do curso escolar e pediu “confianza no sistema educativo e nos seus profesionais, así como tranquilidade e sentidiño para que a normalidade sexa a tónica neste comezo escolar”. “Lonxe de facer axustes, estamos a tomar decisións que melloran o ensino e que permiten que Galicia siga estando a cabeza de informes nacionais e internacionais”, manifestou.
Pedro Puy afirmou que, “fronte ás habituais declaracións alarmantes dos grupos da oposición no inicio de cada curso escolar, o sistema educativo galego está a conseguir resultados moi bos nos indicadores comparativos coas demais comunidades autónomas, como o informe PISA ou o propio Ministerio de Educación”.
15.000 ALUMNOS MENOS, 130 AULAS MÁIS
En concreto, lembrou que o sistema educativo galego contará este ano con máis docentes que antes da pandemia, a pesar de que o número de alumnos se reduciu en 15.000 nas etapas de infantil e primaria nestes últimos anos. Ademais, destacou o feito de que este curso haberá 130 aulas máis de infantil e primaria que antes da Covid-19, co que “se hai un menor número de alumnos, se incrementan os profesores e as aulas, tamén se incrementan as ratios de alumnos por profesor”.
O portavoz popular engadiu que a Consellería de Educación continúa a atender as demandas de todos os estudantes, destacando o incremento de 17 a 25 millóns de euros a partida orzamentaria para libros de texto e material, “co obxectivo de atender as necesidades da nova lei educativa, que non foi consensuada coas comunidades autónomas e obrigou ao cambio dos libros de texto para este ano en diversos cursos”. Ademais, lembrou que o sistema de axudas aos libros de texto en Galicia continuará sendo redistributivo, beneficiando directamente ao 75 por cento das familias galegas.
Neste sentido, Puy destacou “o esforzo que están a facer as editoriais, co apoio da Consellería, para que o subministro de libros de texto estea garantido, salvo casos puntuais en certos cursos e materias nos primeiros días lectivos”.
CURRÍCULOS DESDE O MES DE ABRIL
Respecto da aprobación dos currículos, Pedro Puy lembrou que “están xa feitos desde o pasado mes de abril, polo que tanto os profesores como as editoriais coñecen os seus contidos para a boa planificación do curso escolar”.
Así mesmo, apuntou que o sistema educativo galego “seguirá sendo o máis inclusivo de España” e, tomando datos do Ministerio de Educación, dixo que “somos a comunidade autónoma co ensino máis inclusivo de España e contamos cunha rede de máis de 4.000 profesionais dedicados á atención á diversidade”.
“Todos estes argumentos deberían servir para desbotar eses intentos de sementar alarma por parte de BNG e PSdeG, ao que pedimos tranquilidade e sentidiño para que a normalidade sexa a tónica no inicio do curso escolar”, sinalou o portavoz popular, quen subliñou “a profesionalidade que demostran ano tras ano os profesores e a comunidade educativa para contribuír á normalidade neste inicio do curso escolar”.