Puy engadiu que o Grupo Popular tamén defenderá no Pleno outra proposición non de lei a través da que se demanda ao Ministerio de Agricultura e Pesca que desenvolva unha estratexia de comunicación para contrarrestar a confusión existente sobre as medidas adoptadas polas autoridades sanitarias a propósito do parásito do anisakis.
Neste sentido, lembrou que durante o pasado verán as autoridades sanitarias crearon unha tormenta mediática ao aumentar a cinco días a recomendación de conxelar o pescado antes de consumilo para diminuír o risco de infectarse co anisakis, logo de que se detectaran supostos casos de contaxio en peixe que fora conxelado previamente. “Esta situación xerou certa confusión que imos intentar reconducir porque afecta aos produtores galegos e o propio sector pesqueiro galego considerou que debía ser corrixida”, sinalou.
O Grupo Popular tamén preguntará no Pleno ao Goberno galego sobre o balance que fai das mudanzas introducidas na política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais un ano despois da vaga de lumes de outubro de 2017; os programas que desenvolve para incrementar o consumo de leite; e os trámites que se están a seguir para a construción do primeiro campus de FP en Vigo, logo de que recentemente a Zona Franca se desvinculara deste proxecto.
O portavoz popular avanzou que este xoves comezan as comparecencias na Comisión 3ª de conselleiros e responsables de organismos públicos para dar conta dos orzamentos da Xunta para 2019 en cada departamento. Puy incidiu que estas contas “incrementan o gasto, ao tempo que reducen a carga fiscal, o déficit e o endebedamento da Xunta”.
Así mesmo, indicou que permitirán “achegar máis recursos para o pago dos servizos públicos”, subliñando que o gasto social representa arredor do 80 por cento do gasto total da Xunta para 2019.
En definitiva, “facemos unha valoración positiva duns orzamentos presentados en data, facendo as cousas cunha normalidade e cumprimento das normas que se convirte, dadas as excepcionalidades noutras administracións, nunha novidade que non debería ser”.