Santiago, 23 de xaneiro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, destacou hoxe o carácter marcadamente de control do Goberno galego do Pleno que se celebra esta semana. En concreto, dixo que 19 dos 29 puntos da orde do día son para o control aos membros do Consello da Xunta, destacando as comparecencias do Presidente e do Vicepresidente da Xunta.
Pedro Puy explicou que o Presidente da Xunta comparecerá para dar conta dos resultados da Conferencia de Presidentes celebrada a pasada semana. “Estamos ante unha comparecencia que ten moito sentido e que vai permitir que a cidadanía e a oposición coñezan o contido e a situación das cuestións tratadas nesa importante reunión e cal foi a posición que a Xunta tivo ao respecto”, indicou.
INICIO DE COMPARECENCIAS DE CONSELLEIROS
Así mesmo, o Vicepresidente da Xunta iniciará a rolda de comparecencias de todos os membros do Goberno galego para informar das liñas xerais de actuación dos seus departamentos na presente lexislatura.
O portavoz popular apuntou, ademais, que 23 dos 29 asuntos na orde do día da sesión plenaria son a iniciativa da oposición. Por parte do Grupo Popular, defenderá dúas proposicións non de lei: unha primeira, para solicitar que se regule o réxime de contratación do persoal investigador laboral da Administración galega, co fin de incorporar capital humano que responda á necesidade de xerar novo coñecemento e facer un uso eficiente dos recursos; e a segunda, para que se elabore un programa de axudas específico para as familias monoparentais.
Por último, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre a súa valoración respecto do último Informe PISA; sobre a información aos consumidores respecto da factura da luz; e sobre a conxugación do uso e aproveitamento público dos terreos de A Solana coa viabilidade económica e social do porto de A Coruña.