6 de marzo de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, incidiu hoxe na necesidade de reformar pola vía de urxencia a Lei Orgánica 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual, máis coñecida como Lei de “Só si é si”, que xa facilitou a rebaixa de penas a máis de 700 agresores sexuais en toda España, dos que máis de 50 son en Galicia.
Puy lembrou que, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o vindeiro mércores, 8 de marzo, o Grupo Popular incorporou á orde do día do Pleno desta semana unha proposición non de lei e unha pregunta ao Goberno galego sobre a Lei de “Só si é si”. A través da proposición non de lei pídese ao Goberno de Pedro Sánchez que revise, pola vía de urxencia, esta nova lei para que, quen cometa delitos sexuais poida ter, canto antes, as mesmas penas que estaban en vigor ata setembro de 2022 e que se viron rebaixadas pola actual regulación. Así mesmo, demándase que o Goberno central poña todos os medios necesarios para velar polo benestar das vítimas cuxos agresores foron excarcerados ou se lles rebaixara a pena como consecuencia da Lei de “só si é si”, evitando a vitimización secundaria.
O GOBERNO NON ESCOITOU AO GRUPO POPULAR
Neste sentido, o portavoz popular lamentou que o Goberno central “non escoitara as advertencias do Grupo Popular no Congreso no momento de aprobación desta lei”, ante o que presentou no mes de decembro unha proposición de lei para corrixir estes erros. “Entendemos que no Pleno do Congreso que se celebra mañá os deputados do PP apoien a reforma desta lei para evitar que se manteña e se recupere certa tranquilidade social, se evite revitimizar ás mulleres agredidas e se corrixa esta situación de cara ao futuro”, apuntou.
A proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular no Parlamento galego solicita, ademais, a posta en marcha definitiva das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero. “Lamentamos que por outras prioridades lexislativas, como a aprobación da Lei de Só si é si, se foi deixando de lado a aplicación deste pacto cando é importante para evitar as agresións sexuais e, sobre todo para protexer, apoiar, intervir e recuperar integralmente ás vítimas de violencia de xénero”, sinalou.
GRATUIDADE LÓXICA E DE XUSTIZA
Pedro Puy informou, por outra parte, que o Grupo Popular demandará no Pleno que o Goberno de España outorgue a Galicia as mesmas medidas compensatorias anunciadas para Asturias e Cantabria para minimizar os prexuízos derivados do retraso na renovación dos trens da liña ferroviaria de ancho métrico (antigamente coñecida como FEVE) que operan en Galicia.
“Despois do fiasco notable que se viviu con relación aos equipamentos que deben circular polas liñas de FEVE en Cantabria e Asturias, o Goberno central tomou a decisión para intentar corrixir este erro de conceder a gratuidade destes servizos a estas dúas comunidades, pero non se estendeu a Galicia na liña que vai de Ferrol a Ribadeo”, sinalou o portavoz popular.
Deste xeito, Pedro Puy considerou “lóxico e de xustiza que esa gratuidade se estenda tamén aos trens que operan en Galicia e, ao mesmo tempo, pediremos que que se faga á maior brevidade a electrificación desta liña de ferrocarril de ancho métrico, para que se poidan incrementar as frecuencias e mellorar o servizo”.