Santiago, 25 de agosto de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, insistiu hoxe, do mesmo xeito que veñen facendo o Consello de Estado, o Tribunal Supremo, varios tribunais superiores das comunidades autónomas e os propios xuíces, na necesidade de que o Goberno de España aprobe unha lei específica de pandemias que oriente as medidas que se adoptan por parte das administracións.
Así mesmo, demandou aos grupos da oposición “tomar a sanidade en serio, e non como desculpa para non responder sobre liortas internas ou como permanente instrumento de desgaste desde a demagoxia, porque problemas complexos merecen respostas racionais e acaídas á realidade”.
Respecto do auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula a presentación dos certificados da Covid-19 para acceder aos establecementos da hostalería, Pedro Puy destacou que esta medida “non foi improvisada, senón que foi consensuada co sector e elaborada co consenso do Comité Clínico, e circunscrita a actividades concretas, xustificada pola pandemia, limitada no tempo e idéntica á que están adoptando noutras comunidades autónomas e diferentes países europeos”.
RESPECTO AOS TRIBUNAIS
Ademais, o portavoz popular subliñou que o TSXG “súmase á crítica á lexislación estatal e á demanda doutros órganos xudiciais que reprochan, como vimos facendo desde o Grupo Popular e desde a propia Xunta, a falta dunha lei específica de pandemias”.
“Respectamos e respectaremos sempre o que digan os tribunais”, asegurou Pedro Puy, quen pediu “un pouco de proporcionalidade nas súas críticas aos grupos da oposición, xa que non é razoable nin congruente pedir en Galicia o que non fan noutras instancias nas que gobernan e que tamén viron desacreditadas pola Xustiza medidas adoptadas para loitar contra a Covid-19”.
Pedro Puy defendeu ao sector hostaleiro galego e destacou as axudas dispostas pola Xunta, que ascenderon a 160 millóns de euros e que atenderon máis de 40.000 solicitudes, fronte ás 4.000 realizadas ás subvencións do Estado como consecuencia dos requisitos que pide o Goberno de Pedro Sánchez.
Para rematar, o portavoz popular afirmou que desde o PPdeG “nos tomamos a sanidade en serio e non como un instrumento de permanente desgaste para o Goberno galego” e lembrou que “o problema da falta de profesionais sanitarios é común en toda España”, ante o que demandou medidas como a ampliación das prazas de MIR, o incremento das prazas de formación, a creación da especialidade de urxencias, unha reorganización do traballo ou a eliminación das taxas de reposición