Santiago, 29 de agosto de 2022- O portavoz do Grupo Popular Pedro Puy fixo referencia hoxe na súa rolda de prensa ao inicio do curso político que “iniciamos en Galicia cun acto central do noso partido a nivel nacional, que amosou a unidade, ilusión e vontade de seguir traballando con responsabilidade, propostas positivas e optimismo para estar á altura dunhas circunstancias cada vez máis complexas, e garantindo, como ocorre en Galicia, a estabilidade política”.
Sinalou o portavoz popular que “desde Galicia iniciamos o curso desde o punto de vista político cunha situación favorable de partida, de estabilidade, continuidade despois dunha transición exemplar, pero tamén con boa parte do traballo avanzado, cun teito de gasto histórico xa aprobado, e uns datos económicos que nos sitúan nunha boa posición para elaborar uns orzamentos responsables e implicar nesas contas públicas a solución dos problemas inmediatos”.
Destes xeito, Pedro Puy fixo referencia a situación da economía galega no segundo trimestre deste ano, cun crecemento do 4,4% e unha evolución intertrimestral do PIB autonómico do 1,1% ou ao novo récord histórico das exportacións galegas no primeiro semestre, de 14.406 millóns de euros, xerando un superávit na nosa balanza comercial, e aos datos turísticos que superaron récords prepandémicos e máximos históricos nun mes de xullo, superando a barreira dos 600.000 visitantes.
O portavoz popular sinalou que “é certo que algúns problemas que vivimos teñen que ver coa necesaria cooperación da Administración central e todos sabemos que a solución destes non dependen de decisións da Xunta de Galicia”, nomeadamente destacou os problemas que está a padecer o sistema sanitario, para os que o Goberno central pode tomar decisións no número de prazas de formación dos médicos de familia ou as especialidades de urxencias.
Así mesmo, tamén amosou a preocupación polo escaso desenvolvemento das axudas europeas dos fondos Next Generation ou os pertes “fondos de impulso que é preciso aproveitar para impulsar a nosa economía e que están sendo un fiasco por parte do Goberno central, como no caso da automoción”.
INCREMENTO AXUDAS LIBROS E MATERIAL ESCOLAR
Pedro Puy fixo referencia, ante as preguntas dos xornalistas, á situación do ensino en Galicia “cuns resultados dos mellores de España, con cifras históricas de diminución do abandono escolar, liderando o informe PISA a nivel nacional e superando a media dos países da OCDE, ou sendo a 3ª comunidade que máis inviste por alumno, cun 99,7% do alumnado de Infantil e Primaria cun servizo educativo no concello onde vive ou cos mesmos resultados dos alumnos vivan en cidades ou no rural”.
Deste xeito, indicou que este curso haberá un incremento importante nas axudas para libros de texto e material escolar “de practicamente un 50% máis respecto ao curso pasado para que as familias noten menos a subida de prezos nesta volta ao inicio de curso, nun contexto moi complicado” e mantendo a conxelación das taxas universitarias.