Santiago, 19 de febreiro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe “a responsabilidade, visión de Estado e defensa dos intereses de Galicia” que presiden as reunións que o Presidente da Xunta está a celebrar con outros presidentes de comunidades autónomas para abordar a reforma do financiamento autonómico.
“Todo o mundo que entende un pouco da materia está a eloxiar o feito de que Galicia estea a tecer alianzas neste ámbito da reforma do financiamento autonómico máis alá das propias formacións políticas, reuníndose con presidentes doutras comunidades autonómicas con problemas semellantes que non deben ser excluídos do financiamento, particularmente o relacionado coa inclusión de todos os servizos públicos no reparto de fondos desde un punto de vista de equidade”, sinalou Pedro Puy.
ALIANZAS INTERPARTIDARIAS
Neste sentido, o portavoz popular subliñou que “Galicia estea a encabezar algunhas actuacións, coincidindo con outras comunidades non gobernadas polo PP, en relación coa posibilidade de perdoar o principal da débeda das comunidades que non cumpriron cos principios do déficit”.
Puy considerou que o Presidente da Xunta “está sendo bastante eficiente tecendo esas alianzas interpartidarias con comunidades autónomas con obxectivos comúns aos de Galicia”.
Respecto das críticas da oposición a estes encontros, Pedro Puy lembrou que a proposta do BNG respecto do financiamento autonómico “suporía que Galicia perdera máis de 1.000 millóns de euros ao ano”.
TRABALLAR POLA IGUALDADE REAL
Cuestionado sobre a convocatoria dunha folga para o vindeiro 8 de marzo, Pedro Puy avogou por “traballar moito para conseguir unha igualdade real entre homes e mulleres, avanzando para conseguir obxectivos realistas”.
“A Xunta está comprometida na loita contra a desigualdade de xénero”, asegurou o portavoz popular, quen puxo de manifesto a “necesidade de que se involucre toda a sociedade na tarefa de acadar a plena igualdade real”.