Santiago, 3 de agosto de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que o teito de gasto da Xunta de Galicia para 2022, aprobado hoxe polo Pleno do Parlamento galego, é “realista, prudente e axustado a todas as previsións autonómicas, nacionais e internacionais; e unha mostra da normalidade democrática que vivimos en Galicia, algo que creemos que é importante no momento político que está a vivir España”. Neste sentido, afirmou que “expansión non é só investir máis, senón tamén baixar impostos, como o están a facer en Europa”.
Pedro Puy comezou a súa intervención felicitando ao conselleiro de Facenda e ao seu equipo na Consellería “pola aprobación do teito de gasto e a remisión de información ao Parlamento, unha dos poucos a nivel nacional que debate o teito de gasto en sesión plenaria”.
POLO LIBRO
“O máis salientable deste teito de gasto é que vai polo libro do que marca o Goberno de España”, sinalou o portavoz popular para rexeitar as críticas dos grupos da oposición. En concreto, lembrou que ascende a 11.571 millóns de euros, “dos que 10.675 millóns son ingresos ordinarios, o que permitirá trazar uns orzamentos expansivos para 2022 non só polo gasto, que vai ser superior ao do pasado ano, senón tamén polos ingresos sen incrementar a presión fiscal autonómica”.
Así mesmo, Puy referiuse aos recursos extraordinarios que chegarán á Comunidade galega procedentes da Comunidade Europea, como son o mecanismo de recuperación e resiliencia (417,3 millóns de euros) ou a segunda anualidade do React-UE (266,9 millóns de euros), todo ilo sumado á suspensión das regras de gasto (que permiten un déficit do 0,6 por cento, o que supón 415 millóns de euros).
Para rematar, o portavoz popular subliñou que o Goberno galego “defendeu os intereses de Galicia” para conseguir a devolución dos 211 millóns de euros correspondentes á mensualidade do IVE de 2017, “que xa gastamos en 2019 con cargo a endebedamento”.
Neste sentido, criticou que os socialistas galegos cualificaran esta demanda de “rabieta infantil” ou que “Feijóo se apunta ao dito España nos rouba”. “Hoxe, lamentablemente, non amosaron as súas desculpas por estas afirmacións, a pesar de que a loita de Galicia tamén permitirá ás comunidades autónomas socialistas recibir esta débeda polo IVE”.