Santiago, 22 de abril de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe na Deputación Permanente que “a sanidade pública galega ten superado o maior test de estrés dos últimos anos, botando abaixo polo seu propio peso os discursos agoireiros da oposición”.
Así mesmo, destacou “a transparencia coa que actuou a Xunta fronte a outros gobernos, poñendo en coñecemento da cidadanía os provedores de todos os contratos de emerxencia de compra de material sanitario feitos nesta crise a través do Portal de Transparencia”.
Pedro Puy afirmou que “estamos diante dunha pandemia causada por un virus novo, asintomático ou leve na xente menor de 50 anos, de alta letalidade e altamente transmisible”. “Nestes momentos, España vive unha situación extrema cun confinamento coas condicións máis duras de Europa, co segundo maior número total de contaxiados do mundo, o segundo país da Unión Europea en casos e en falecidos por cada 100.000 habitantes”, dixo.
DIFERENZAS
“Porén, apreciamos que hai diferenzas entre os datos de afección no Estado e entre as comunidades autónomas, motivadas, entre outras causas, pola temperatura, a densidade de poboación, a circulación das persoas, o azar ou a xestión”, sinalou. Neste punto, trasladou a súa felicitación “a todos os traballadores do Servizo Galego de Saúde pola súa dedicación, o seu traballo e o seu esforzo durante estas semanas”.
En concreto, comparou distintos aspectos rexistrados en Galicia e no Estado para poñer de manifesto o bo facer da sanidade galega: a taxa de letalidade (4,24 por cento fronte a 10,42 por cento); a mortalidade por 100.000 habitantes (13,04 fronte a 44,34); ou a taxa de falecidos sobre os ingresados (13,49 fronte a 27,25).
O portavoz popular subliñou que “a Xunta ten actuado durante toda esta crise seguindo tres principios: lealdade, anticipación e transparencia”. “Exerceu todas as súas competencias, facilitou sempre a información sanitaria demandada e colaborou lealmente co Goberno de España”, indicou.
“Pero tamén se anticipou coa contratación o 5 de marzo de 1,8 millóns de euros de material sanitario extraordinario para afrontar a crise, como respiradores ou equipos de protección sanitaria; establecendo un dobre circuíto nas urxencias sanitarias; creando plantas específicas para os enfermos con coronavirus; ou potenciando a atención primaria”, engadiu.
FONDO DE CONTINXENCIA
Así mesmo, explicou que “a adquisición do material sanitario foi abonada con cargo ao Fondo de Continxencia existente nos orzamentos de 2020, un fondo que na súa tramitación os socialistas propuxeron retirarlle 10 millóns de euros; o Grupo Común de Esquerdas, 15 millóns; e o BNG, 30 millóns de euros”.
Puy salientou o “esforzo inxente” do persoal sanitario de Galicia “para sanar, atender e coidar a todos, informando, planificando a resposta, contratando persoal, aumentando o material e facéndose cargo das residencias da terceira idade”.