Santiago, 8 de maio de 2017.- “Que sexamos a segunda comunidade autónoma con maior investimento per cápita, moi por enriba das comunidades catalá e vasca, quere dicir que Galicia está tratada razoablemente nos orzamentos”, afirmou hoxe o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy.
Cuestionado sobre as melloras en infraestruturas ferroviarias negociadas polo PNV para o País Vasco nos orzamentos do Estado, Puy lembrou que na actualidade nesta comunidade autónoma non existe AVE nin tampouco a Y ferroviaria vasca, mentres que “o equivalente en Galicia xa existe e está funcionando entre A Coruña, Vigo e Ourense”. “Pactaron unha chegada do AVE ao País Vasco para tres ou catro anos despois que en Galicia”, subliñou.
“Non teño a máis mínima información sobre o retraso das obras do AVE como consecuencia do acordo co PNV para os orzamentos do Estado, polo que non hai motivo para pensar que iso vai afectar ao AVE a Galicia”, manifestou o portavoz popular, quen avogou porque “o mellor será que os orzamentos se aproben e que se executen”.
Así mesmo, explicou que “estanse mesturando dúas cuestións diferentes: os investimentos do Estado e o cupo vasco, que está relacionado co financiamento autonómico”; e lembrou que o Goberno central “decidiu que as comunidades autónomas ían ter este ano unha cantidade de recursos económicos importante a maiores, que no caso de Galicia ascende a 400 millóns de euros, como anunciou a propia vicepresidenta do Goberno”.
ACORDOS RESPONSABLES
Desde un punto de vista político, Puy considerou chamativo que “o PSOE, a quen se lle ofreceu ser o interlocutor principal para a negociación dos orzamentos e con quen se chegou a aprobar o teito de gasto, non quixera entrar na negociación e agora se queixe de que os acordos se fixeran con outros grupos que foron máis responsables”.
Neste sentido, demandou “coherencia” tanto a socialistas como a En Marea porque “levan anos arelando a desaparición das maiorías absolutas porque iso obrigaba a pactos entre as forzas políticas; e non se pode criticar unha cousa e a súa contraria”. “Criticaban que o PP non pactaba e agora que pactamos, que teñan algo que dicir máis aínda cando eles mesmos se autoexcluíron das negociacións” sinalou.
SATISFACCIÓN POR RESULTADOS EN FRANCIA
Pedro Puy tamén amosou a satisfacción polos resultados electorais de Francia co “rotundo triunfo do candidato europeísta fronte á candidatura proteccionista e nacionalista da señora Le Pen”. Neste sentido, cualificou como unha “excelente nova para toda Europa, España e, nomeadamente, para Galicia polas relacións comerciais tan intensas que temos coa economía francesa, un dos principais destino das exportacións do noso país”.