Santiago, 13 de agosto de 2018. O voceiro do Grupo Popular, Pedro Puy, relatou hoxe en rolda de prensa que as perspectivas de continuidade no crecemento económico en Galicia, sinalado por distintas prospeccións e análises recentes, é a mellor maneira de reducir as desigualdades e reforzar e manter o compromiso actual no gasto social. Sinalou que neste gasto, e as súas compoñentes sanitaria, educativa e o propiamente social, Galicia está por riba doutras comunidades, segundo se fixo público recentemente.
O voceiro popular sinalou que o inicio do próximo período de sesións estará marcado, non só polo traballo pendente de aprobación do ditame da Comisión de política forestal, senón polas circunstancias económico-financeiras como son o feito de non terse aprobado o teito de gasto e o incidente a consecuencia da comunicación do Consello de política fiscal e financeira de entregas a contas ás Comunidades autónomas por aplicación do sistema de financiación autonómica e a súa problemática co IVE.
Así mesmo relatou que tamén estará marcado coa senda de déficit o que o Goberno do Estado quere darlle máis marxe, ampliando obxectivos de déficit para o ano e permitindo as CCAA endebedarse máis. Ante isto, Pedro Puy manifestou a súa sorpresa “despois de que levan anos criticándoo agora os socialistas dín que hai que endebedarse máis nun momento de boa marcha da economía”.
O voceiro popular sinalou que o problema do IVE xurdíu a consecuencia dunha decisión do cambio no sistema de información que trae ventaxas, como perseguir mellor a fraude e que as empresas reciban as devolucións antes, pero que como consecuencia se perde un mes. Esta situación “ten unha solución sinxela e é unha reivindicación xusta á que se adheriron a meirande parte das CCAA” indicou Pedro Puy.
CRECEMENTO ECONÓMICO
Pedro Puy sinalou que “en liñas xerais estamos satisfeitos pero seguimos sendo ambiciosos no que respecta a que a economía galega siga medrando”. Nese sentido fixo referencia a diversas prospeccións e análises feitas públicas recentemente e “que nos fan abordar os debates financeiros con optimismo”.
Deste xeito, o voceiro popular sinalou que o BBVA Research ten feito unha previsión para Galicia referida ao ano 2018 dun crecemento do 3,2 (3 décimas máis que España) e para o ano 2019 de 2,8 (mentres que para España é do 2,5). Así mesmo, o Airef sinala un crecemento de 2,9 para Galicia e de 2,7 para o resto de España e Ceprede fala tamén dun 2,9 mentres que para España de 2,8.
Así mesmo, resaltou que o IGE, no seu informe do primeiro tremestre do 2018, fala do mellor arranque de ano da historia deste organismo, cun incremento do PIB nominal do 3,7% e do internanual do 3,1%.Falan tamén de crecemento equilibrado os estudos feitos públicos pola Afundación cun crecemento do 2,7% e 2,9% .
Todo esto se traduce, segundo o voceiro popular, nunha boa evolución do emprego, superando o millón de afiliados á Seguridade Social e o desemprego se está a reducir en Galicia 1,30 puntos por debaixo de España e en especial o femenino que é un 1,85% menos intenso que no resto do país.
Unha perspectiva de continuidade no crecemento económico que implica unha continuidade na creación de emprego e mellora dos salarios así como a mellor forma de reducir as desigualdades e reforzar o gasto social.