Santiago, 6 de setembro de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, situou hoxe como obxectivo para os vindeiros meses “impulsar a realización das medidas incluídas no ditame da Comisión de reactivación económica, social e cultural de Galicia”, tendo en conta que o 70 por cento destas accións non recibiron o voto en contra de BNG e PSdeG.
No ámbito económico o @ppdegalicia traballará no impulso das iniciativas incluídas no Plan de Reactivación aprobado no @Par_Gal que contou cun grao amplo de consenso «o 70% delas non recibiron o voto en contra e incorpora máis de 50 medidas a iniciativa da oposición» Pedro Puy pic.twitter.com/PZv1BzTNeH
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 6, 2021
Así mesmo, sobre o baleirado dos encoros dependentes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, lembrou que esta situación “coincidiu cun momento no que os prezos da enerxía son moi elevados”, ante o que a Xunta “ten abertos expedientes sancionadores porque corresponde que haxa unha aclaración do que ocorreu” por parte da principal responsable: a Administración do Estado.
Aínda que hai incertezas, algunhas cousas se saben con certidume: os embalses que dependen da Confederación Hidrográfica Miño-Sil estan baleiros e os da @Xunta non, a Xunta ten abertos expedientes sancionadores e é preciso unha aclaración do que ocurríu, Puy pic.twitter.com/RaCjSw4ysV
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 6, 2021
Pedro Puy incidiu que as prioridades políticas do Grupo Popular para este novo período de sesións son a recuperación e reactivación económica e social; e a loita contra os aspectos sanitarios da pandemia, “nun momento no que os afectados están reducindo, a campaña de vacinación está moi avanzada e a incidencia do virus está caendo”.
?️A recuperación económica e social de Galicia, claras prioridades políticas,e delo depende a loita contra os aspectos sanitarios da pandemia «nun momento no que os datos están remitindo e confiamos que coa continuidade da vacinación ir recuperando a normalidade»,Puy @ppdegalicia pic.twitter.com/G5pCzYaSFO
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 6, 2021
Dentro dos aspectos sanitarios, o portavoz popular lembrou que existe “un problema xeral na atención primaria en toda España como consecuencia da falta de médicos de familia e pediatría”. Neste sentido, afirmou que “se está a traballar para recuperar a normalidade” e reiterou a necesidade de que o Goberno central incremente o número de prazas de formación MIR, porque “calquera solución de futuro pasa por incrementar o número de especialistas en medicina familiar e comunitaria”.
Por outra banda, no ámbito económico considerou “fundamental” impulsar as medidas contidas no ditame da Comisión de reactivación aprobado o pasado mes de xullo no Parlamento galego, “un documento que ten un amplo grao de aceptación política, xa que o 70 por cento das iniciativas que inclúe non recibiron o voto en contra dos grupos da oposición, que tamén incorporaron máis de 50 das súas propostas”.
BALEIRADO ENCOROS MIÑO-SIL
Cuestionado sobre o baleirado dos encoros dependentes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Pedro Puy cualificou este “episodio como confuso e negativo”. Así, apuntou que “teñen uns niveis que non son acordes co que correspondería nesta época do ano, fronte aos da Xunta que manteñen uns niveis adecuados”.
“Os encoros que dependen da Confederación Hidrográfica Miño-Sil teñen sufrido un baleirado coincidindo cunha suba dos prezos da enerxía da electricidade, que ademais retribúe especialmente as enerxías de baixo custe, como é a hidráulica”, explicou Puy
A consecuencia desta actuación, a Xunta ten abertos expedientes tanto ás empresas concesionarias dos embalses como á Confederación Hidrográfica “porque non se cumpriu a normativa, que di que ten que haber unha comunicación e unha autorización polas autoridades autonómicas para garantir a preservación dos ríos galegos”. Deste xeito, Pedro Puy concretou que “quen debería explicar que pasou nos encoros son os concesionarios dos mesmos e quen ten a capacidade de xestión e control deses concesionarios, que é a Confederación Hidrográfica”.
Para rematar, o portavoz popular sinalou que “se o Estado non é capaz de cumprir coas obrigas de xestión da conca hidrográfica, existe unha solicitude de transferencia destas competencias feita no pasado desde Galicia, e non hai inconveniente en asumir esa responsabilidade”.