Santiago, 12 de xuño de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, presentou esta mañá no Parlamento galego a proposta de ditame elaborada para a Comisión de reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19. “Estamos a falar dun documento con máis de 400 epígrafes a longo dos que propoñemos medidas para que a crise da Covid-19 sirva como acelerador de cambios en Galicia a través da dixitalización, a innovación, a sostenibilidade e a inclusión”, concretou.
O documento presentado esta mañá, e que no día de onte entregouse aos grupos da oposición na reunión da ponencia, está dividido en sete apartados, seguindo a estrutura pactada por todos os grupos parlamentarios no Plan de Traballo da Comisión de reactivación: Economía, Política Social, Sanidade, Educación, Cultura, Institucional e Igualdade.
PRESENTACIÓN DA PROPOSTA DO DITAME (ábrese nunha nova pestaña)
50 COMPARECENTES E 155 INFORMES
Pedro Puy lembrou que a Comisión de Reactivación celebrou 25 sesións, nas que compareceron 50 expertos e se recibiron 155 informes, procedentes tanto da Xunta como de distintas asociacións e persoas que remitiron as súas propostas.
Na súa intervención, expresou “a nosa dor polas persoas falecidas e afectadas que sufriron moi directamente a enfermidade, así como o agradecemento a todos os profesionais, tanto do sector público como do privado, que contribuíron a que Galicia tivera unha epidemia máis fácil de levar que noutros ámbitos nacionais e internacionais”.
Logo da reunión da ponencia celebrada onte, Puy explicou que “imos seguir dialogando e facer todo o posible por chegar a acordos”, coa meta posta na celebración dunha sesión da Comisión de Reactivación o vindeiro 29 de xuño e a aprobación definitiva do ditame no último Pleno deste período de sesións os días 13 e 14 de xullo.
ACELERADO OS CAMBIOS
O portavoz popular asegurou que a pandemia sanitaria “ten acelerado cambios que xa estaban en marcha, como a dixitalización da sociedade, impulsar a innovación e facer todos estes avances dun xeito respectuoso co medio ambiente, facilitando a recuperación cara unha sociedade máis inclusiva”.
Deste xeito, estes catro puntos “están presentes en todos os apartados deste documento, para potenciar a dixitalización dos servizos públicos e nos mercados a través das organizacións profesionais, innovar en todos os eidos, ter en conta as consecuencias medioambientais e investir en sostenibilidade medioambiental; e corrixir as eivas sociais que a crise nos deixou”.
Por último, respecto ao Fondo de Consenso de 115 millóns de euros que a Xunta incluíu por primeira vez nos orzamentos de 2021, Pedro Puy avogou porque fose posible un acordo entre todos os grupos para o uso destes recursos.