Santiago, 17 de xaneiro de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, valorou hoxe o amplo consenso entre os expertos que compareceron na Comisión de estudo sobre a financiación autonómica sobre cuestións como o rexeitamento ao cupo foral para todas as comunidades autónomas, á descentralización do imposto de sociedades ou a cesión significativa de máis porcentaxe no imposto sobre a renda.
Estas medidas porían en risco a capacidade de redistribución do Estado de Benestar en España e, ademais, sería especialmente prexudiciais para Galicia por ter esta comunidade unha renda inferior á media (e, por tanto, taxas fiscais máis reducidas) e ao mesmo tempo maiores necesidades de gasto dada a dispersión e o maior envellecemento da súa poboación.
Os expertos coincidiron na necesidade de calibrar ben o custo real da prestación dos servizos públicos en cada territorio, polo que cuestionaron algúns aspectos da proposta do Goberno central para o cálculo do habitante axustado, instrumento que o sistema recolle para calcular eses custes diferenciais.
NIVELACIÓN TOTAL DE RECURSOS
Pedro Puy sinalou que os expertos, independentemente da súa procedencia xeográfica ou da súa pertenza ou non á Administración, coincidiron na necesidade de substituír a actual nivelación parcial dos recursos por unha nivelación total, polo que demandaron a simplificación dos fondos actualmente existentes.
No ámbito da autonomía, tamén houbo consenso sobre a oposición á descentralización do imposto de sociedades, dadas as dificultades técnicas e as distorsións que xeraría a fragmentación dun imposto que comeza a incorporar elementos de harmonización en Europa e a nivel internacional.
Por último, Pedro Puy manifestou que os expertos tamén coincidiron na necesidade de realizar axustes no actual modelo, pero na inviabilidade de acometer grandes reformas. En concreto, houbo un amplo consenso sobre a importancia de delimitar o reparto das bases tributarias no entorno dunha previsible reforma fiscal verde.