O Partido Popular de Galicia pecha o Ano Castelao reivindicando a súa figura e a súa obra como “patrimonio de todos os galegos” e non como “referencia exclusiva dunha ideoloxía concreta” porque, defenden, o seu legado constitúe “un motivo de orgullo compartido e un elemento de unión”.
Así o trasladaron os populares galegos logo da visita que a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o responsable de Cultura, Lingua e Xuventude no Goberno galego, José López Campos, realizaron xunto a membros da Comisión de Cultura do PPdeG, presidida por María Baleato, á exposición ‘Castelao. Mirar por Galicia’ que se lle dedica ao ilustre rianxeiro na Cidade da Cultura con motivo da conmemoración do Ano Castelao este 2025.
Unha mostra que estará dispoñible para a súa visita ata o vindeiro 11 de xaneiro e que, en opinión de Paula Prado, permite “redescubrir” a través das novas tecnoloxías “que a obra de Castelao segue tan vixente como hai 75 anos e que o seu legado segue marcando o camiño a seguir aos galegos de hoxe”.
“Fóra de calquera intento de politización, a realidade é que a súa figura e a súa obra foron, son e seguirán sendo un símbolo de Galicia e un patrimonio de todos os galegos”, subliña ao tempo que asegura que “Castelao non pode ser a referencia exclusiva dunha ideoloxía concreta, senón que o seu legado ten que ser un motivo de orgullo compartido e un elemento de unión de todos os galegos en torno a un precursor do noso autogoberno”.
Neste sentido, a secretaria xeral do PPdeG fai un chamamento a “seguir celebrando a gran obra coa que agrandou o patrimonio da nosa terra” e reivindica a aposta do seu partido pola cultura como “eixo vertebrador” de Galicia: “Somos galegos e por iso coidamos o noso, o que nos identifica e traza o noso pasado, presente e futuro”.
O SIGNIFICADO DE GALICIA A TRAVÉS DA CULTURA E DA LINGUA
Pola súa banda, José López Campos, destacou que o obxectivo desta exposición é achegar a figura de Castelao “a toda a sociedade galega e especialmente aos máis novos”. De aí que se optase por recorrer a un formato vinculado novas tecnoloxías para afondar no estudo e na documentación da súa vida e obra.
Unha exposición cuxo éxito acreditan os “milleiros de visitantes” cos que contou ao longo do ano e que permite “afondar na figura dun Castelao que, ao igual que o PPdeG, defendía profundamente os valores galeguistas mediante a identificación co sentir da terra galega”.
“Castelao tivo sempre no seu pensamento e na súa obra cuestións tan importantes para a nosa identidade como son a cultura e o noso idioma”, explica o responsable de Cultura, Lingua e Xuventude no Goberno galego ao tempo que celebra a importancia de “seguir mergullando” no legado de Castelao para “aprender o que significa Galicia e seguir mellorando e avanzando”.
López Campos conclúe que “se o PPdeG é o partido que máis se parece a Galicia é porque, ao igual que Castelao, mantén sempre o vínculo coa nosa terra, co noso idioma e coa nosa cultura”.