O Partido Popular de Galicia reclama ao Goberno de España unha compensación económica aos concellos galegos onde se ubican centros penitenciarios para axudalos a sufragar os subrecustos derivados da prestación de servizos básicos e a perda de recadación nas arcas municipais derivada da exención do IBI destes centros.
Faino a través dunha proposición non de lei que levará ao Congreso dos Deputados logo de que a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a secretaria nacional de Interior do Partido Popular e deputada por Ourense, Ana Vázquez, mantiveran unha xuntanza cos alcaldes e representantes dos concellos de Curtis, A Lama, O Pereiro de Aguiar, Outeiro de Rei e Monterroso para coñecer a súa situación.
“Os concellos que albergamos un cárcere estamos obrigados por lei a asumir a prestación de servizos básicos como o abastecemento de auga potable, o mantemento da rede viaria, a recollida do lixo, o saneamento ou a atención desde as áreas de servizos sociais que nos demandan os centros, sen recibir ningún tipo de compensación económica polo sobrecusto económico que supón e a sobrecarga que xera nestes servizos”, explica o alcalde de Curtis.
A isto habería que engadir que estes edificios están exentos do pago do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e, polo tanto, os concellos sofren “unha merma importante nos ingresos das arcas municipais” que deriva en dificultades para asumir o custo económico dos servizos públicos que prestan aos seus veciños.
Os alcaldes destes concellos reclaman polo tanto que, do mesmo xeito que a Xunta de Galicia creou un fondo adicional compensatorio que amortigua parte desa carga económica, o Goberno de España compense a perda de recadación derivada da exención do pago do IBI dos centros penitenciarios e teña en conta a poboación de reclusos dos centros no reparto dos Fondos de Cooperación Local.
De feito, subliñan que a poboación de cada municipio é un dos criterios que máis repercusión ten no reparto de ingresos do Estado e da Comunidade Autónoma e que, na maioría dos casos, a poboación reclusa non está empadroada no concello do centro penitenciario no que está cumprindo a súa pena.
En Galicia, segundo datos desta mesma semana, hai un total de 2.842 reclusos distribuídos entre os cárceres da Lama (1.015), Bonxe —Outeiro de Rei— (278), Monterroso (223), O Pereiro de Aguiar (276) e Teixeiro (1.050).
“Non queremos ningún trato de favor, senón o mesmo trato e o mesmo reparto que reciben outros concellos como os de Cataluña, onde os fondos estatais si se reparten nos concellos onde hai cárceres”, conclúe o rexedor de Curtis.