Santiago, 7 de outubro de 2020.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, lamentou que tanto PSdeG como BNG rexeitaran hoxe no Parlamento galego a aprobación dunha declaración institucional a través da que se amosa o respaldo aos traballadores da empresa Siemens-Gamesa, instando á Xunta e ao Goberno central a tomar as medidas necesarias que permitan a continuidade da actividade na planta de As Somozas, aproveitando as oportunidades que ofrecen os plans de transición enerxética da Unión Europea.
Miguel Tellado explicou que para que unha declaración institucional saia adiante no Pleno do Parlamento galego ten que ter o visto bo de todos os grupos parlamentarios. “Neste caso, nin socialistas nin nacionalistas amosaron interese pola aprobación desta declaración institucional, que non ten máis obxectivo que defender aos 300 traballadores e a continuidade da planta de Siemens-Gamesa en As Somozas”, sinalou.