O portavoz do Grupo Popular sinalou que o PP debe “traballar arreo para facer ver que a situación é moi complexa”
PEDRO PUY ASEGURA QUE A GOBERNABILIDADE EN ESPAÑA SE FACILITARÍA “SE GOBERNA QUEN TEN O MAIOR RESPALDO DA CIDADANÍA, QUE DE ACORDO COAS ELECCIÓNS E AS ENQUISAS É O PP”
Santiago, 6 de xuño de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou hoxe que a gobernabilidade de España se facilitaría “se quen goberna é quen ten o maior respaldo da cidadanía, que de acordo coas eleccións e co que vamos coñecendo das análises demoscópicas é o Partido Popular”.
A preguntas dos medios sobre o posible sorpasso de Unidos Podemos ao PSOE nas vindeiras eleccións xerais, Pedro Puy salientou que “as enquisas reforzan ao PP e a consolidación e a fidelidade do seu voto”, polo que avanzou que “o feito de que quede un ou outro partido por diante non vai contribuír a facilitar a gobernabilidade”.
ESFORZO DE RESPONSABILIDADE
Neste sentido, Puy apuntou que cos datos aportados polas enquisas “vanse manter ou mesmo incrementar as dificultades para organizar un goberno estable en torno á confluencia dos grupos máis extremistas co PSOE”. Esta situación “vai esixir un especial esforzo de responsabilidade ao PP”, que a xuízo do portavoz popular debe centrarse máis en confirmar que os cidadáns avalíen o feito desde as eleccións de decembro que de preocuparse por quen quede segundo.
Pedro Puy sinalou que o PP debe “traballar arreo para facer ver que a situación é moi complexa”, agravada porque a partir do mes de xaneiro “non teremos o colchón duns orzamentos aprobados que permitan que a xestión pública siga realizándose sen problema”.
Por este motivo, considerou necesario “intentar convencer aos cidadáns de que estamos no bo camiño e a alternativa pode conducir a unhas incertezas e incapacidades de formar goberno que non a fan boa”.