Santiago, 15 de outubro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou hoxe como “positivo” o incremento do teito de gasto da Comunidade galega para 2019 ata os 9.850 millóns de euros, que “reflicte un modelo de economía no que se poden dedicar máis recursos á prestación de servizos públicos minorando a presión fiscal sobre a cidadanía, o que ten un efecto expansivo”.
Pedro Puy considerou “fundamental para dar estabilidade o cumprimento da lei, algo que imos facer en Galicia coa aprobación no Parlamento mañá do teito de gasto e coa aprobación antes de que remate este ano dos orzamentos da Xunta para 2019”. “Deste xeito, mantense a certeza sobre as accións que vai desenvolver o Goberno galego sobre o conxunto dos actores económicos”.
SATISFEITOS DO DEBATE SOBRE A AUTONOMÍA
Na súa comparecencia ante os medios, o portavoz popular tamén fixo unha valoración do Debate sobre o Estado da Autonomía celebrado a pasada semana, “do que no Grupo Popular saímos razoablemente satisfeitos”.
En concreto, salientou que o Presidente da Xunta “demostrou que, lonxe de estar recreándose no presente, ten proxectos de futuro e fixo anuncios importantes tanto a curto, medio e longo prazo”. Ademais, destacou que “ofreceu tanto á oposición como aos axentes sociais, administracións locais e Goberno central participar nestes proxectos”.
Porén, sinalou que “a oposición non deu de forma conxunta unha idea de futuro, e mesmo amosaron fondas diferenzas en temas fundamentais como as propias regras do xogo nos aspectos centrais da convivencia democrática”.
MAREA E PSOE, CONTRA A AMPLIACIÓN DO HOSPITAL DE A CORUÑA
Puy lembrou que o Debate sobre o Estado da Autonomía se pechou con 53 resolucións aprobadas, das que oito saíron adiante de xeito unánime sobre temas como como medio ambiente, vivenda, protección animal, lusofonía, reforma da PAC, limpeza de lindano, estratexia da cultura galega e directrices da paisaxe.
Así mesmo, salientou que “ningunha das 40 propostas de resolución presentadas polo Grupo Popular foi votada en contra polo conxunto da oposición”. Neste sentido, apuntou que “a que tivo maior número de votos en contra, coa oposición de En Marea e PSOE, foi unha que demanda desenvolver un Plan estratéxico de hospitalización a domicilio, unha estratexia para pacientes crónicos e un rexistro para enfermidades raras, así como a ampliación do Hospital de A Coruña”.