Santiago, 5 de abril de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, alertou hoxe que a modificación do regulamento da Lei de costas incluída polo Goberno central no proxecto de Lei de cambio climático supón unha ameaza á seguridade xurídica para a continuidade das concesións do sector mar-industria en Galicia e está a provocar que a planificación a longo prazo das empresas se faga cara outras a zonas onde os requisitos non sexan tan esixentes, como pode ser Portugal.
Pedro Puy lembrou que a reforma da Lei de costas afecta substancialmente a un cento de empresas galegas que están asentadas no dominio público marítimo-terrestre, ao reducir a 75 anos o máximo tempo total de concesións neste ámbito. Deste xeito, indicou que “se está introducindo unha incerteza enorme nos operadores que traballan neste sector, cando ademais unha segunda posible causa de denegación da prórroga ten que ver con motivos ambientais”.
?️Preocupación desde o @ppdegalicia por cuestións que afectan á situación sanitaria e económica de Galicia, como o recurso á reforma da Lei de Saúde e a modificación de regulamento da Lei de costas por parte do Goberno do Estado pic.twitter.com/PPhQ04QEEZ
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) April 5, 2021
REFORMA INAPROPIADA
“Estamos preocupados porque nun momento no que a industria galega atravesa a crise provocada pola pandemia, un dos sectores máis puxantes da nosa economía e que lidera ás exportacións ao mundo se ve ameazado por un cambio normativo que nos parece inapropiado, poñendo en risco a súa supervivencia e a de moita xente que leva vivindo do mar durante décadas”.
O portavoz popular engadiu que, de aplicarse a nova normativa tal e como está redactada na proposición de lei, as empresas “terían que restituír á situación previa á concesión o territorio, dándose a paradoxa de que despois podería haber unha nova concesión sobre ese mesmo lugar”.
Deste xeito, dixo que “se está a producir un abandono dos investimentos que farían que esa empresa seguise sendo produtiva cara ao futuro e unha planificación a longo prazo cara outras zonas, como Portugal, onde os requisitos non son tan esixentes e as empresas ven que teñen máis capacidade de manter investimentos a longo prazo”.