“O Presidente tamén demostrou que ten plans en xeral para o futuro, anunciando algo tan importante, polo valor que tivo no seu momento a aprobación do vixente, como un novo Plan Estratéxico 2021-2027 que marque as liñas de ruta polas que debe transitar o país”, salientou.
Ademais, Puy manifestou que o Presidente da Xunta queira “aproveitar o Xacobeo como un dinamizador da cultura e o turismo do noso país, facendo dos nosos recursos culturais e naturais un motor de desenvolvemento que abra Galicia ao turismo internacional aínda máis”.
“Temos un Presidente que se preocupa polo benestar, dando unha longa lista de iniciativas en materia sanitaria, educativa e avanzando algunhas importantes innovacións para favorecer a quen máis o necesita, particularmente a quen solicita unha renda de integración social”, concretou.
Pedro Puy subliñou que, para levar adiante estes obxectivos, o Presidente da Xunta “propón ao Parlamento un método que recorda á época da transición: o diálogo”. Así, afirmou que “propuxo pactos e diálogo con practicamente todas as administracións: co Goberno do Estado, para que se materialicen as demandas de Galicia en materia de infraestruturas; co Parlamento, tanto a través do Plan Estratéxico como co propio Xacobeo; coa sociedade, cando quere avanzar na concertación social; e, finalmente, nun diálogo cos concellos, aos que invita a participar nun gran pacto pola auga e polos residuos cun incentivo importante de carácter medioambiental na reciclaxe”.