Santiago, 14 de marzo de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avogou hoxe por “unha colaboración ampla” de todas as administracións públicas para dar resposta ás demandas dos cidadáns e das empresas neste momento de crise económica e social. Así, avanzou a presentación dunha proposición non de lei solicitando a implicación do Goberno de España e a Xunta, especialmente no que atinxe á rebaixa de impostos que contribúa a reducir os prezos da electricidade e os carburantes.
Pedro Puy salientou o “amplo acordo” acadado onte na Conferencia de Presidentes para adoptar decisións que beneficien aos sectores que máis están a sufrir neste momento de conflito bélico e crise económica. En concreto, referiuse ao acordo sobre unha baixada dos tributos, aínda que non se concretara nada, pero sinalou que unha baixada do IVE aliviaría a suba de prezos e non afectaría ao volume total da recadación.
PREOCUPACIÓN
Na súa intervención, o portavoz popular referiuse “á preocupación existente en distintos sectores” da economía galega. En primeiro lugar, lembrou que hoxe estamos coa primeira xornada de folga de transportistas polo excesivo custo dos combustibles, pero tamén falou das empresas electrointensivas, que viven unha complicada situación polo excesivo prezo da electricidade; do sector agrogandeiro, no que cómpre actuar desde a unidade, aplicando medidas extraordinarias para superar a delicada situación de venda a perdas; ou do sector do pesca, que precisa actuacións urxentes para evitar a paralización da frota e que se produza un desabastecemento de produtos; do sector da automoción; ou do conserveiro.
“Diante desta situación, é necesario dar respostas”, sinalou Pedro Puy, o por iso o Grupo Popular vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria con medidas para atender estas demandas. Deste xeito, afirmou que “boa parte destas respostas teñen que ser coordinadas a nivel europeo, a través da política económica e monetaria”, pero tamén é necesario a implicación do Goberno de España, cunha redución de impostos e axudas para sectores estratéxicos como a automoción; e da Xunta, reforzando medidas como o bono eléctrico.
“Debe existir unha actitude de colaboración e de buscar solucións conxuntas entre todas as administracións públicas”, demandou o portavoz popular, quen considerou “necesario unha colaboración ampla”, polo que se congratulou do acordo adoptado onte por todas as comunidades autónomas no seo da Conferencia de Presidentes.