Santiago, 15 de xullo de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, incidiu hoxe que “existen mecanismos legais para que o Goberno central abone os 700 millóns de euros que lle debe a Galicia, logo de que no Consejo de Ministros da semana pasada autorizara a compra de blindados para o Exército español por importe de 2.300 millóns de euros.
Así mesmo, Puy amosou a satisfacción porque o Goberno do Estado optara por utilizar os instrumentos do Estado de Dereito, como aconsellaba o informe da Comisión de Expertos designada pola Xunta a proposta do Parlamento galego, para conseguir reintegrar ao patrimonio público o Pazo de Meirás.
Puy iniciou a súa comparecencia ante os medios facendo unha referencia á actividade parlamentaria que se vai desenvolver esta semana, centrada no traballo da ponencia do proxecto de Lei de Patrimonio Natural. Neste sentido, avanzou a posibilidade de que esta mesma semana se celebre unha sesión da Comisión 2ª do Parlamento galego para debater e aprobar o ditame deste texto lexislativo, co que quedaría preparado para a súa aprobación definitiva no primeiro Pleno que se celebre.
Pedro Puy insistiu que “o principal problema que ten a curto prazo a Comunidade galega é a falta de transferencia de 530 millóns desde o Goberno do Estado, correspondentes ás entregas á conta de 2019 e a unha mensualidade do IVE de 2017, aos que se suman outros 170 millóns dos incentivos por cumprir todos os parámetros de estabilidade orzamentaria en 2017 e 2018”.
Na súa intervención, o portavoz popular insistiu que “existen mecanismos legais que permiten ao Goberno de Pedro Sánchez facer estas transferencias, como é a aprobación dun decreto-lei por razóns de urxencia que sería convalidable polo Congreso no prazo de un mes”. “Estamos a falar dun problema que afecta a varias comunidades autónomas, polo que seguramente non habería problema para a convalidación deste decreto-lei polo Congreso”, engadiu.
RAZÓNS DE URXENCIA E INTERESE XERAL
Puy referiuse ao acordo adoptado no último Consejo de Ministros a través do que se autoriza ao Ministerio de Defensa a asinar un contrato para a adquisición de blindados por un importe de 2.100 millóns de euros. “O Goberno central en funcións xustifica esta decisión por razóns de urxencia e de interese xeral, polo que é difícil entender cal é a diferencia en relación coas entregas a conta que ten que dar o Estado ás comunidades autónomas”, dixo.
Do mesmo xeito que no caso dos blindados, tanto nas entregas a conta como da devolución do IVE “existe un compromiso anterior por parte do Goberno do Estado, que se pode considerar de urxente necesidade para o mantemento da sanidade, a educación e os servizos socias que prestan as comunidades autónomas, que incluíron estes importes nos seus orzamentos para prestar estes servizos”.
O portavoz popular avanzou que “continuaremos demandando o que por xustiza lle corresponde a Galicia” e lamentou que a Xunta “xa tivo que aprobar operacións de endebedamento para cubrir estas faltas de transferencias do Estado”. Neste sentido, avogou porque “todas as forzas políticas estiveramos de acordo nesta demanda” porque se trata de pensar en Galicia, nos servizos que reciben os cidadáns e no pago aos provedores da comunidade”.
Na súa comparecencia, Puy tamén se referiu á decisión do Goberno central de presentar unha demanda no Xulgado de A Coruña para a reintegración ao patrimonio público do Pazo de Meirás. Neste sentido, salientou que “a argumentación xurídica desta demanda basicamente se axusta aos criterios xurídicos que propuxo a Comisión de Expertos que se creou, a proposta do Grupo Popular neste Parlamento e que non foi apoiada polos demais grupos, aínda que despois si se conseguiu unanimidade para trasladar ao Estado o ditame desa Comisión”. Neste sentido, lembrou que nese ditame tamén se demandaba que a Xunta se presentase como coadiuvante a esa demanda do Estado, decisión que, logo de consultar aos servizos xurídicos, xa ten previsto realizar o Goberno galego.
“É un motivo de satisfacción que se utilicen os instrumentos do Estado de Dereito, polo que agora está en mans da Xustiza a solución a este asunto e confiamos que esa demanda permita ganar para o público o que foi durante tantos anos a residencia do xefe do Estado e non dun veraneante particular”, apuntou.
PROBLEMAS INTERNOS
Por último, respecto da toma do nomeamento de Corina Porro como delegada da Xunta en Vigo, Pedro Puy asegurou que “ten capacidades para exercer esta labor que se lle encomenda, porque cumpre sobradamente pola súa experiencia na administración e polo coñecemento do territorio”. “Estamos ante unha decisión do Goberno galego adecuada á normativa, pero ademais é difícil pensar nalguén mellor que Corina Porro para exercer as competencias da Xunta en Vigo, que foi alcaldesa desa cidade e ten un carácter persoal que lle vai permitir avanzar na cooperación con todas as administracións”, engadiu.
Puy considerou “sorprendente que nos digan que unha persoa de confianza do Goberno ocupa unha delegación”, ante o que dixo que “non é a primeira vez que algún grupo parlamentario intenta traer á Cámara problemas internos propios, neste caso sobre os nomeamentos da Administración Xeral do Estado, para que sexamos os demais os que os aireemos”. Así, apuntou que “se os socialistas entenden que este é o motivo para a celebración dunha reunión da Deputación Permanente, é a mellor demostración de que o país vai moi ben e moito mellor do que eles din”.