Santiago, 25 de setembro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe o discurso “optimista” pronunciado polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Debate sobre o Estado da Autonomía “baseado no aval dos feitos e en datos concretos e incontestables sobre como evolucionou Galicia nos últimos anos.
“A estabilidade política de Galicia, a centralidade e a proximidade á realidade do discurso do Presidente é basicamente o que lle permitiron presentar actuacións para os vindeiros anos, tanto a curto como a longo prazo”, indicou.
“Pensamos que é un discurso optimista, que da conta de que as cousas van razoablemente ben e que, do mesmo xeito que superamos a crise, traballando con lealdade e desde a unión, o país poderá superar todos os retos do futuro”, manifestou.
CATRO BLOQUES
Entre os proxectos a curto prazo avanzados por Feijóo, Puy salientou a aprobación dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2020, “pese ás incertezas que existen no conxunto de España, o que dará tamén estabilidade aos proxectos que se están a desenvolver en Galicia”; Así mesmo, subliñou o anuncio da elaboración dun Plan Estratéxico 2021-2030 para o conxunto da economía galega, un proxecto que o Goberno galego xa comezou a elaborar.
Pedro Puy lembrou que o proxecto avanzado polo Presidente da Xunta “estivo centrado en catro bloques”. “En primeiro lugar, os problemas da xuventude, vencellados sobre todo á mellora da educación e ao problema demográfico; os problemas da familia, con políticas sociais amplas e ambiciosas que permitan a conciliación, pero ao mesmo tempo avanzar nun envellecemento máis activo e nun benestar social mellor para todos; na modernización da nosa economía, coa plena inserción e competitividade da empresa galega nun mundo globalizado; e nunha Galicia verde, que dea máis oportunidades ao medio rural e permita que o mundo, coas tendencias do cambio climático, sexa un lugar mellor para vivir”, especificou.
Así mesmo, o portavoz popular salientou a alusión á violencia de xénero que fixo o Presidente da Xunta na parte final do seu discurso. Neste sentido, dixo que “a actualidade imponse e as novas dos últimos días téñennos arrepiados”, polo que considerou “un magnífico exemplo de como o discurso se apegou á realidade e se reiterou a chamada á unidade en contra da violencia machista”.